Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Res Pública

Catedrático de Economía Aplicada da USC

Sobre os estudos de medicina

O sistema universitario público galego é bo en perspectiva comparada. Porén, é certo que temos cometido erros no pasado. Nalgúns casos, non se atinou co proceso de posta en marcha de titulacións e hoxe baixan a media do sistema; noutros optamos por duplicacións con escaso sentido. É responsabilidade fundamental de cada universidade os erros que aínda se seguen a cometer no primeiro vector. Afortunadamente, no segundo eido a Xunta e reitorías o están a facer ben dende hai máis de quince anos. Vanse pechando titulacións prescindibles por duplicadas, e estase apostando pola especialización dos campus. Co paso do tempo, isto está permitindo racionalizar o sistema público de titulacións. E non deberamos saírmos desa lóxica.

Sexamos claros. Tendo en conta o alto nivel acadado por titulacións como arquitectura e arquitectura técnica na Coruña, ou por telecomunicacións en Vigo apostar por abrir facultades públicas do mesmo en, imaxinemos, Ferrol ou Lugo non tería sentido. O mesmo ocorre con medicina de Santiago. Certo que o altísimo nivel do Sergas en varias áreas sanitarias permite que as prácticas ao remate das carreiras podan (e deban) ser descentralizadas. Mais esa descentralización non pode (nin debe) ser un paso cara as duplicacións. Para o alumnado e os contribuíntes sería peor e máis caro que apostar polas infraestruturas en Compostela e por seguir afortalando a cooperación interuniversitaria en investigación. O volume de estudantado de medicina pode aumentar aínda na USC se se considera necesario e hai recursos financeiros para esa ampliación. 

¿Necesitamos ampliar a matrícula en medicina? Teñen razón os que poñen enriba da mesa a necesidade de axustar a oferta educativa ás necesidades futuras do país. Porén, tamén concordo cos que din que as familias deben ter dereito a que os fillos e fillas estuden as carreiras polas que teñen vocación e capacidades, que o sistema universitario galego debe formar con independencia de que esas persoas rematen traballando aquí, Alemaña ou nos Estados Unidos. 

Coido que a resposta ten que atopar un equilibrio entre esas dúas liñas argumentais. E nesa busca sería importante fixarse no sinal que mandan as notas de corte, que son unha especie de prezo que permite casar demanda e oferta. Notas estruturalmente por riba de 12 sobre 14 ou mesmo de 11 están a indicar un desaxuste claro. O lóxico sería ir aumentando o número de prazas dispoñibles neses títulos. Os novos recursos deben ir aí, mesmo a costa de titulacións e áreas nas que quedan prazas baleiras ou remata habendo grupos moi reducidos.

Tracking Pixel Contents