Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Tribuna

Cipriano Luis Jiménez Casas

Médico psiquiatra e psicanalista

‘O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino de Lamas’

No libro O cineísta andarengo. A propósito de Bernardino Lamas (2025 Edicións embora), de Manolo González, na contraportada nos define as palabras «andarengo», que anda moito. Que gusta andar por pracer ou costume e «cineísta» afeccionado ao cinema domestico. Neste mesmo diario, tivemos ocasión de publicar: Sublimación e resiliencia. Para unha historia do cinema en galego. Nos días encantados de agosto. Unha biografía de José Gil (15-03-2023), e: O benshi de Galicia. O arrebato cinematográfico de Rey Soto (07-05-2024), recensións de ámbolos dous libros do aludido autor M. González. 

Bernardino de Lamas é o pseudónimo de Alfonso Piñón Teijido (Ferrol 1887 -Madrid 1973), unha persoa comprometida coa natureza, descubridor e propagador de belezas e sendeiros ocultos, precursor do ecoloxismo moderno e un dos primeiros periodistas da prensa galega colaborador de EL CORREO GALLEGO ao longo de 14 anos nas seccións Paseando, Retratos, Volando, Postais e Cremallera. Un xornalista andarengo, un filosofo das corredoiras e congostras esquecidas, fundador do Grupo alpinista Abrente e promotor do Monumento ao Camiñante Descoñecido en Barallobre. 

Para Bernardino, andar, camiñar, viaxar, ou ir de excursión, é unha especie de sacramento milagroso que pode curar o mundo dos seus males, reivindicando aos grandes camiñantes como Walter Scott, Rousseau, Beethoven ou Dickens. O seu pracer practicando a marcha expresa o seu gusto pola Terra, e disto sabemos moito as galegas e galegos, tan identificados coa paisaxe da Nosa Terra, tal como no lo teñen explicado Otero Pedrayo e o seu discípulo Río Barja. Por que camiñou tanto ao longo da súa vida Bernardino? Con toda seguridade polo mellor investimento que lle podía facer o seu corpo e porque camiñar é pensar sobre nos mesmos, tal como o expresa Roland Barthes: «É o xesto máis tribal, e polo tanto o máis humano», que posibilita a mellor ocasión de cara a reflexión ao tempo que nos esquecemos, de conflitos e de tensións.  

 Outra das paixóns de Belarmino é a súa incursión no mundo do cinema, como un amateur, que o fai por pracer, e por amor. El foi un dos pioneiros cineastas de Galicia, é descoñecido de Ferrol, que coa súa cámara Pathé Baby de 9,5 milímetros inicia a súa pulsión cineísta, filmando montes, romarías e paisaxes do norte de Galicia, nas que tamén aparecen notábeis da cultura galega como: Lugrós Freire, Rof Codina, Ángel del Castillo ou Xaime Quintanilla. Un cineísta amateur, que chegou a gravar, de maneira caseira, ata trescentas películas centradas na comarca de Ferrolterra a comezos do século XX, é dicir, entre 1924 e 1935.  

   Unha figura ata agora descoñecida a de Bernardino de Lamas rescatada por M. González, casualmente namentres estaba tratando de descubrir máis sobre o carpinteiro Juan Pardo de Lamas, un tallista de retablos do século XVIII para o deseño dun cartel para a Chanfaina Lab de San Sadurniño, encontro de cineastas do cal é o seu impulsor. 

   No seu Anexo 1, o libro aludido dá conta dalgúns dos títulos conservados das películas de Bernardino (1924-1930). Noventa dos 300 audiovisuais gravados de maneira «caseira» na Comarca de Ferrolterra en formato 9.5 mm foron rescatados por outro ferrolán, Guillerme Escrigas. Actualmente están na Filmoteca de Galicia, aínda que –como di M. González– conviría restaurar. No Anexo 2, aparecen unha ducia de artigos, dos case trescentos publicados en EL CORREO GALLEGO (1924-1936).  

 A partir do golpe fascista en xullo do 36, este «patriota bo e xeneroso», así considerado por Otero Pedrayo, casaríase en Vigo (1941), trasladaríase a Habana (1951), regresa repatriado a Ferrol (1962), e morre en Madrid (1973). 

Tracking Pixel Contents