Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Obituario

Doutora en Economía

En lembranza de José Antonio Redondo López

«A vida é unha sucesión de circunstancias imprevisibles, non planificadas, que ás veces chamamos casualidades. Acotío pensamos que a podemos planificar e controlar, pero a realidade é que son precisamente esas circunstancias inesperadas as que marcan –e mesmo poñen fin– ao noso camiño».

Estas palabras, que José Antonio compartiu comigo nun almorzo previo á homenaxe que, hai apenas un ano, lle fixemos en Fonseca, cobran hoxe un significado especial. Deixounos de xeito inesperado, confirmando esa visión lúcida coa que entendía a vida: un camiño cheo de incertezas, mais tamén de sentido, esforzo e compromiso. A súa perda supón unha forte conmoción para a comunidade universitaria, para as institucións públicas onde traballou, e para todas as persoas que tivemos o privilexio de coñecelo, querelo, aprender del e compartir proxectos.

José Antonio medrou nun contexto difícil, marcado por adversidades como a poliomielite que condicionou a súa infancia. Aquela primeira «casualidade» –como a el lle gustaba chamala– puxo en valor a súa fortaleza e precocidade intelectual, que o levaron a estudar Ciencias Económicas e Empresariais en Santiago, desoíndo o camiño tradicional e tendo que convencer da validez da súa vocación.

A súa paixón polo coñecemento e a docencia reflectiuse nunha carreira académica brillante que, tras unha estancia na Universidade de California, culminou coa obtención da Cátedra. Profesor vocacional, foi clave na creación do grao de Administración e Dirección de Empresas e do Departamento de Economía Financeira e Finanzas da USC. Traballou con rigor, visión estratéxica e unha capacidade extraordinaria para formar equipos sólidos e comprometidos. Para José Antonio, o verdadeiro éxito non residía nos títulos nin nos cargos, senón nas persoas: nas xeracións de estudantes e compañeiros aos que axudou a medrar, e que consideraba o seu legado máis valioso. Tamén destacou na administración pública, no IGVS e como Conselleiro Maior do Consello de Contas de Galicia, onde impulsou reformas para a transparencia e bo goberno, exercendo sempre con humildade e espírito de servizo.

Trala súa xubilación en xullo de 2023, dedicouse ao que máis quería: a súa compañeira de vida, María Elena, os seus fillos e netos, dos que falaba con orgullo e tenrura. A última conversa que tivemos, a noite do venres, foi para celebrar un novo éxito profesional dun dos seus fillos, compartido con inmensa alegría. Aínda que se retirou da vida institucional, mantivo a mente activa, con proxectos inacabados como un dicionario galego-portugués de termos económicos, unha iniciativa que reflectía o seu galeguismo sereno e comprometido.

José Antonio Redondo foi moito máis que un profesor ou un alto cargo da administración autonómica. Foi un mestre de verdade, un referente, un amigo leal, un pai e avó orgulloso, e sobre todo, unha boa persoa. Deixa un legado de sabedoría, servizo público e afecto que permanecerá entre nós moito máis alá do seu tempo.

Que a terra che sexa leve, amigo.

Tracking Pixel Contents