Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Negro sobre branco

Doutora en Economía

Ambulancias na Galiza

Motivada por varios casos que coñezo de forma directa, relacionados co funcionamento do servizo de ambulancias, infelizmente con resultado fatal (mesmo sen poder afirmar que con servizo urxente tivera cambiado o desenlace), permítome a modo de anécdota ou de advertencia observar algúns feitos relativos ao funcionamento do servizo de ambulancias na Galiza como parte da sanidade pública, do que son un elemento auxiliar mais pode se converter nun punto crítico da calidade/eficacia de asistencia. É un servizo público desempeñado por empresas privadas que subscreben un contrato co Sergas ou coa Fundación Pública de Urxencias sanitarias 061. A lóxica de quen concursa para ser elixido é de negocio privado: obter beneficios. Os fondos de disposición pública, por lei, han ser os máis económicos posíbeis: mesmo houbo concesións incríbeis, é dicer, non ser asumíbeis polos non gañadores (estas teñen desaparecido, denominábanse á baixa temeraria: até 18% inferior á media). Unha vez contratada, a empresa adxudicataria actúa segundo pode e sabe, para cumprir as condicións do contrato. Mais traballan moi, moi axustadamente, para aforrar custos en todos os capítulos: en persoal, na organización, en custos de subministros...

Aínda pode suceder que, ao rematar o contrato sen novo concurso, e por obriga legal, as concesionarias cumpran unha prórroga, en condicións economicamente non asumíbeis e por tempo superior á duración estipulada. En fin, que un servizo inicialmente creado para cobrir as necesidades de transporte e asistencia urxente de enfermos, nunha poboación que foi mudando de hábitat, de idade e de servizos sanitarios, tense convertido en prestación de servizos múltiples, algúns moi afastados das necesidades de asistencia sanitaria en transporte especializado, e, noutros casos, realmente urxentes, no sentido vital do termo, incapaces de acudir por falta manifesta de medios disponíbeis. As ambulancias medicalizadas na Galiza son 12. Na área sanitaria de Santiago/Barbanza hai unha. A área abranxe unha comarca -ampla e moi poboada- que vai desde Mazaricos a Rodeiro ou desde Ribeira a Mesía. É fisicamente imposíbel que se poidan cobrir cunha soa ambulancia daquel tipo máis dun servizo á vez. Outros servizos, os urxentes e os non urxentes, semellan nalgúns casos só servizos de traslados de persoas válidas mais necesitadas dun apoio físico para se desprazaren ao centro médico/asistencial ou mesmo, noutros casos, aos centros de día. Destinar unha ambulancia como medio de transporte de persoas que poderían utilizar outro medio, converte o custo deste servizo concebido só como sanitario e urxente en substituto dun transporte de persoas do domicilio ao centro sanitario ou entre centros sanitarios, sen ter necesidade nengunha de persoal de asistencia sanitaria. E é nestes casos de sobre-utilización dun transporte especializado para labores de taxis o que converte en máis ineficiente un servizo que debería cobrir só asistencia sanitaria.

A responsabilidade na planificación e na valoración dos servizos para cobrir as necesidades sanitarias mediante transporte de enfermos é pública, do Sergas. Correspóndelle ser quen de discriminar moi polo miúdo a adecuación do uso de ambulancias ás necesidades sanitarias dos doentes; e en favor do benestar colectivo, asumir como servizo público directo o urxente e imprescindíbel, e dotar no seu caso o traslado de persoas entre centros e entre centos e domicilios, o resto. Mesmo sería máis económico e funcional que en lugar de ambulancias se denominase este último servizo público de asistencia a doentes, diferente das ambulancias.

Tracking Pixel Contents