Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Buenos días y buena suerte

Profesor titular de Universidad

As grandes portas do verán

O Día da Patria Galega ten esa correlación relixiosa no calendario, e unha fundación social e política, como se diga, que tivo lugar fai máis dun século (Irmandades da Fala). E, xa postos, é unha festa moi dentro da nosa vella historia, ou máis ben dentro do mito, que vaia vostede a saber. A maioría das festas do mundo mundial teñen que ver con antigas celebracións pagás, os ciclos da colleita, o solsticio, pregunten por Irlanda, o cal que todo se transforma, todo é evolución e riverrum, todo é Heráclito. O ser humano brinca dunhas crenzas a outras, duns deuses a outros, tentando combater a soidade e o medo, maiormente o gran medo á morte.

O Día da Patria Galega adquire unha resonancia extraordinaria nesta última volta de xullo, cando todos somos peregrinos coas forzas mermadas, cando todos chegamos co último alento, as roupaxes do inverno feitas farrapos, a paciencia moi xusta, demasiado xusta despois dun ano pendenciero, despois de tanto ruído, e só queremos sentir o frescor das laxas da cidade, talvez dunha amena horta secreta, e, a poder ser, beber dunha fonte de auga limpa.

É unha data na que se amalgaman o mito, a relixión e a cultura, data de referencias múltiples, tamén de reivindicacións, evidentemente, na que a emigración tivo tanto que ver en defensa e prestixio da lingua e a identidade (aí está a orixe cubana do noso himno e a nosa bandeira, e a publicación en La Habana de Follas Novas, por mencionar os exemplos máis acaídos).

E ese impulso continuou fronte ás moitas escuridades da ditadura, pois a festividade viaxou nesas décadas da clandestinidade aos enfrontamentos na rúa. Rosalía e Castelao convértense en baluartes do idioma e do territorio, son un refuxio, converxen neste día, e moito máis neste ano, no que se celebran, como é ben coñecido, os 75 anos da morte do político e intelectual de Rianxo. Hoxe celebramos tamén, non se esqueza, o 75 aniversario dunha das empresas culturais máis representativas da historia contemporánea de Galicia, a Editorial Galaxia. O labor de Galaxia é transcendental para entender a cultura e o ser de Galicia. É imprescindible, diría eu. Galaxia fúndase en 1950, en Compostela. Por tanto, de misteriosa maneira, Castelao e Galaxia conflúen tamén neste máxico espazo temporal, establecen un continuum no calendario, como adoitaba dicir Xaime Isla Couto.

Na memoria quedan tantas noites dos fogos de Compostela, aquelas vibracións da pedra (que percibiamos na praza por mor da pólvora, tan próxima, e que nos puñan un estraño temor no corazón), e a fachada catedralicia que co tempo deixaron de queimar. O 25 de xullo ten algo de lintel que hai que atravesar, a data liminar do adeus aos traballos e os días.

O aire festivo das rúas e a celebración identitaria mestúranse coa promesa da fuxida cara á costa, ou cara ao campo, ou cara a nós mesmos, porque, finalmente, latexa un aire ritual de liberación nesta data, un sentimento gozoso de encontro coa historia e cos grandes nomes da cultura que nos construíron.

Estas son as grandes portas do verán. Quizais máis que a noite de San Juan, na que nos desprendemos de todos os males. A partir de hoxe, ou iso creo, a cidade divídese entre forasteiros que chegan de lonxe e composteláns que buscan un refuxio, aínda que sexa efémero, preto do mar. Nada máis desexable que o baleiro de agosto, o regreso a un silencio necesario tras as grandes tormentas dos informativos, tras a feroz atmósfera política e tras o horror da morte que agroma a cotío en Gaza.

Tracking Pixel Contents