Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Repensar o medo: inseguridade, inmigración e antifeminismo en disputa

Nos últimos anos, o medo acompaña unha parte significativa do debate público, os discursos da dereita e a extrema dereita capitalizan emocionalmente temas como a inseguridade, a inmigración ou o rexeitamento ao feminismo baixo este sentimento. Mentres tanto, sectores progresistas e partidos de esquerda tenderon a deslexitimar esas preocupacións, dende unha sorte de superioridade moral, tachándoas de manipulacións mediáticas, mentiras, provocacións ou como síntomas dun electorado “confundido”. Pero os sentimentos, aínda que estean influídos por ideoloxías, non son falsos por seren complexos. Negalos só reforza o terreo de quen os explota.

Propoño o contrario, repensar o medo dende unha perspectiva crítica e de esquerdas, non para normalizar discursos de odio e violencia senón para disputar estas narrativas e construír outras miradas capaces de mobilizar afectos, xustiza e comunidade.

O medo é unha emoción que funda o político, dende Thomas Hobbes, sabemos que o medo non é só unha emoción privada, senón un motor constitutivo do político. No ‘Leviatán’ Hobbes sinala que o medo á morte violenta leva ós individuos a pactar unha orde común: é dicir, que a política nace do medo. Esta diagnose segue vixente: a política contemporánea, especialmente dende a dereita e os populismos de extrema dereita, continúa a construírse sobre a administración do medo.

O medo non se combate coa negación nin coa burla, cómpre comprendelo nas súas causas estruturais e resignificalo politicamente dende a esquerda. Neste sentido, precísanse abordar as múltiples dimensións do medo como por exemplo, a inseguridade, un asunto que non pode continuar sendo un tabú. Quizais sexa onde hoxe máis claramente se observa o repregamento discursivo da esquerda: dá medo falar da inseguridade como si falar dela implicase caer no punitivismo. Non é casual que a dereita ocupe ese baleiro con discursos de man dura, mentres as persoas que sofren violencia cotiá - especialmente nos barrios populares- senten unha certa orfandade, como si ninguén lles ofrecese respostas reais.

Hannah Arendt, en ‘A condición humana’, advertía dos perigos de reducir o político á mera administración técnica do social. Algo diso está a acontecer: as esquerdas apostan por opoñer racionalidade ás emocións da dereita e a extrema dereita, sen embargo, o político non se reduce a argumentos técnicos, esixe empatía e comprender o mundo vivido.

En vez de negar a inseguridade, unha esquerda crítica debe redefinila: non como ausencia de policía, senón como ausencia de garantías vitais e dereitos. A verdadeira seguridade non se mide en represión policial senón no acceso á vivenda, á saúde, á un salario digno, á vidas libres de violencias machistas, á educación e á comunidade.

O medo penetrou tamén no debate migratorio, os discursos xenófobos e nacionalistas supremacistas conseguiron instalar a idea de que as persoas migrantes son unha ameaza para o emprego, a identidade e a seguridade. Achille Mbembe en ‘Política da inimizade’ fai referencia o concepto de necropolítica; o autor describe como os Estados contemporáneos xestionan as vidas migrantes dende unha lóxica de exclusión radical: decidir quen pode vivir e quen debe morrer. Dende esta perspectiva, as fronteiras non son só dispositivos legais, senón tecnoloxías de exclusión e opresión: espazos onde a vida migrante é despoxada de valor.

A esquerda non pode defender as persoas migrantes só en clave humanitaria. Debe denunciar a orde económica global que expulsa, precariza e despois criminaliza; por suposto, sen desatender as tensións reais que a migración pode xerar en contextos de recursos escasos. Isto esixe combater o racismo e construír espazos onde as persoas autóctonas e migrantes non se vexan como inimigos, senón como aliados potenciais nunha loita común contra a explotación e a precarización estrutural.

Por último, o crecemento do antifeminismo, especialmente entre os mozos máis novos, non pode ser lido só como efecto da manipulación das redes sociais e a influencia da extrema dereita. Tamén expresa unha reacción ós cambios e avances profundos que o feminismo xerou nas relacións de poder, nos afectos e nas identidades.

Hannah Arendt falaba do resentimento como unha das paixóns máis perigosas da política moderna, porque xorde cando os suxeitos se senten excluídos do recoñecemento. A esquerda debe tomarse en serio este tipo de emocións, sen xustificar as súas formas reaccionarias patriarcais, pero tampouco ignorar as condicións materiais e simbólicas que as producen. A resposta pasa por máis coñecemento político, máis traballo coas masculinidades, máis espazos de transformación afectiva. Non se trata de retroceder nin de pedir permiso, senón de producir sentido, ampliar a comunidade política.

A esquerda non pode retirarse dos debates incómodos, nin quedar nunha zona de confort moral. Repensar o medo, a inseguridade, a inmigración ou o antifeminismo dende unha perspectiva crítica non é “ceder terreo”, senón tomar en serio o que está en xogo: o poder de definir o que é xusto, lexítimo e desexable nunha sociedade.

A dereita e a extrema dereita souberon capitalizar a incerteza, o malestar e a sensación de abandono. A esquerda, se quere manter a súa potencia, necesita repolitizar eses sentimentos, conectalos cun horizonte de dignidade compartida e artellar propostas que respondan á complexidade da vida contemporánea.

Hobbes propoñía a orde fronte ó caos. A esquerda debe propoñer comunidade fronte ó abandono, coidado fronte ó castigo, xustiza fronte ó odio, igualdade fronte ó machismo . Pero para iso, precisamos mirar os medos sen medo. E devolverlles a súa potencia transformadora.

Tracking Pixel Contents