Opinión | Cifras e letras
Prudencia
Falando nun evento cun avogado dun prestixioso bufete, este díxome que gustáballe moito o carácter dos galegos pola súa prudencia. Eu nunca o pensara, polo menos non como un dos nosos trazos máis destacados; o que máis, segundo esta persoa. Pero, pensándo ben, creo que ten razón.
A prudencia é unha virtude silenciosa, mesmo silente, que foxe dos fogos artificiais, por moi vistosos que sexan. Aristóteles, que sabía destas cousas, e de case todo, definiuna como “a virtude de deliberar ben acerca do que é bo e conveniente para a vida”.
A prudencia, segundo este filósofo dos filósofos, non é a inacción, nin sequera a vacilación de quen teme equivocarse, senón o pragmatismo daqueles que saben que os camiños elixidos á carreira dificilmente nos conducen ao éxito. Para a filosofía medieval, a prudencia era, de feito, genitrix virtutum, a nai de todas as virtudes.
Porén, a prudencia non adoita estar nin na rúa nin nas redes sociais. Cando se nos exhorta sobre todo a asumir riscos e lanzarnos ao baleiro, a prudencia soa a freo de man existencial. De feito, ninguén pon no seu perfil das redes: “son unha persoa prudente”, pois soaría a preguiza e a non saber nin que dicir. Pola contra, normalmente un preséntase como “vou pola vida acelerado”, aínda que moitas veces signifique non facer nada a toda hostia ou mesmo desfacer. Lembren aquel lema dos inicios de Facebook: “móvete rápido, racha cousas”. A prudencia convídanos a un luxo que semella extinguido: a pausa.
Non é estraño que a prudencia se identifique coa debilidade. É frecuente nos negocios e na política esta forma de pensar. Porén, alguén moi citado neses ámbitos, como Sun Tzu, di na súa famosa obra «A arte da guerra» que, se es prudente e agardas por un inimigo que non o é, sairás vitorioso. Non é un consello doado de seguir, porque require algo que non abonda: serenidade no medio do ruído e do lume, tanto se é lume inimigo coma amigo. Pero o certo é que, se es débil caerás con frecuencia no erro de responder sen pensar, mentres que se es forte pensarás, e o resultado será moitas veces non responder. Non, a prudencia non é indolencia, do mesmo xeito que a clemencia non é covardía. De feito, ambas, a prudencia e a clemencia, son virtudes dos fortes.
Ser prudente non é un xesto pasivo, senón un acto de resistencia. En tempos de urxencias e opinións instantáneas, pensar antes de falar é un desafío case revolucionario. A era do trumpismo é a da “reacción”: cada palabra que non aloumiñe ao imprudente provoca a crítica inmediata; cada desobediencia, mesmo aparente, un golpe. O covarde castiga por medo, mentres que o prudente perdoa por forza moral.
Parece un paradoxo, pero a nosa retranca é quizais o paradigma da prudencia expresiva. A retranca non ridiculiza nin fere sen máis, senón que esquiva o golpe e mesmo o enfrontamento na forma, sen minguar o fondo.
Si, definitivamente é moi posible que as galegas e galegos teñamos na prudencia a nosa principal virtude. Non todos, ben é certo.
- Así será el invierno en Galicia después de un otoño 'extremadamente cálido
- La joven promesa musical de Milladoiro: 'Sempre quixen ser violinista
- Santiago tendrá un vuelo directo a Ámsterdam el próximo verano operado por KLM
- Almeja babosa a 50€/kg y besugo a más de 70 a diez días de Nochebuena
- Una familiar del desaparecido viaja a Muxía con llaves del coche para inspeccionarlo
- El barrio de Santiago que celebrará la Navidad por todo lo alto: 'Haberá moita música e demais sorpresas!
- El vecino de Madrid desaparecido en Muxía dejó una nota de despedida en su coche
- Roban el Grinch de una de las casas más adornadas de Santiago en Navidad: 'Supoñemos que foron eles
