Opinión | Negro sobre branco
Quizais, quizais, quizais...
Escoitei en directo as palabras pronunciadas, á prensa, polo portavoz da comisión executiva da Conferencia Episcopal española, despois da visita ao papa León XIV e da conseguinte entrevista cos responsábeis vaticanos das cuestións de orde e disciplina. Monseñor Luis Argüello -arzobispo de Valladolid e presidente da citada Conferencia-, referíndose á situación do bispo de Cádiz e Ceuta, Rafael Zorzona, dixo que «quizais podería ser aceptada proximamente a renuncia», mais sen indicar data, nen modo de tal probábel aceptación. O uso de «quizais», seguido de «podería», indica unha moi feble vontade de enfrontar unha situación moi comprometida onde -vítimas á parte- a máis prexudicada é a mesma institución que, non ten, ou non utiliza, mecanismos de limpeza interna en condutas delitivas. Poderíamos dicer tamén «quizabes», «quizá» ou «tal vez podería ser», ou mesmo «oxalá». Todas estas expresións indican o ton non conminatorio dese adverbio. Grave cando a situación requeriría non só un cesamento inmediato, senón tamén unha condena e solución de exemplaridade.
É sabido que esta visita estaba prevista con antelación ao coñecemento público dos feitos acusatorios do bispo citado: abusos sexuais no Seminario Diocesano de Getafe do que foi reitor de 1994 a 2010, e dos que é acusado de encobrir sendo coñecedor. Foi nomeado bispo polo papa Benedito XVI, sendo consagrado en 2006. A maiores, é investigado por pretensos abusos sexuais continuados a un menor entre 1994 e principios deste século nese Seminario. Os abusos constitúen hoxe un feito penado con todos os agravantes que se daban nese caso. Os temas tratados na visita e recepción papal referíanse a temas propios desas entrevistas cando dun papa recentemente nomeado se trata, mais a opinión pública está interesada en observar como se resolven casos deste tipo nunha institución cuxa exemplaridade debería formar parte fulcral das condutas e mais da represión dos delitos.
A situación do sr bispo de Cádiz e Ceuta, Zorzona, é o suficientemente próxima ao retiro dos cargos eclesiais na Igrexa Católica. Naceu en 1949, ten, por tanto, 76 anos. En linguaxe de Dereito Canónico, pédese aos bispos que presenten a súa solicitude de retiro aos 75 anos. E, unha vez solicitado, é o papa quen, despois de valorar todas as circunstancias, concede o retiro. Por tanto, ese conxunto de adverbios dubitativos só se referen ao tempo esperábel para que, sen resultado dunha investigación e sanción pertinente, o bispo se retire e desapareza da escena mitigando -na parte que o Vaticano considerar- o interese da opinión pública e o conseguinte escándalo. Mais unha cousa é a hipocrisía habitual denotativa dunha parte da xerarquía católica, e outra moi distinta o uso que o Estado fai -coas leis á fronte- do seu deber de tutela dos cidadáns no tocante a este tipo de abusos ou os coñecidos delitos de pederastia. A longa e profunda relación do poder civil co eclesiástico, ao longo de séculos, ten creado unha serie de vicios de feito no uso e abuso dos dereitos que como membros dunha comunidade relixiosa lles corresponden aos pastores da Igrexa Católica. Aínda semella que o paraugas do vello Concordato cobre como un manto de impunidade as accións civís da Igrexa en España. Hoxe non existe Concordato senón un Tratado internacional entre dous estados soberanos, o español e o Estado vaticano, e sexa o complicado ou difícil que se faga o seu cumprimento ou anovación, é só iso, un Tratado, que non pode contemplar trato especial ás faltas e delitos dos consagrados da Igrexa Católica. O Estado español é aconfesional e a tradición non pode esvaír o peso da lei.
- Natalia Dicenta, de vuelta en Santiago: «Tuvimos casa en Galicia y para Lola y para mí, esta tierra es muy querida»
- El aeropuerto de Santiago agudiza su crisis tras la salida de Ryanair: 2.600 viajeros menos al día
- El vecino de Madrid desaparecido en Muxía dejó una nota de despedida en su coche
- La Sala Malatesta vuelve a cerrar y anuncia que luchará en los tribunales
- Una familiar del desaparecido viaja a Muxía con llaves del coche para inspeccionarlo
- La brutal paliza al camarero del pub Bloom de Santiago salta a la escena nacional
- El mayor mercado de moda vintage aterriza en Santiago: miles de prendas de ropa de marca a tan solo 9 euros
- Santiago tendrá vuelo directo a Cork: Aer Lingus operará dos frecuencias semanales a partir del año que viene
