Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | TRIBUNA

Decana da Facultade de Ciencias Políticas da USC

Entre peitos descubertos e branqueos machistas: romper o silencio fronte as violencias institucionais

O caso das activistas feministas agredidas sexualmente o pasado 20-N durante unha protesta en Madrid —un acto que denunciaba a exaltación franquista nunha misa polo ditador— é revelador. As activistas do colectivo Femen, cos peitos descubertos portando unha mensaxe clara contra o fascismo, foron insultadas, empurradas e, unha delas, tocada por un home que, envolto na bandeira preconstitucional franquista e puro na boca, converteu os seus corpos en obxecto de agresión política e sexual ao mesmo tempo. A escena é un recordatorio de que a violencia machista non precisa escuridade: tamén se exerce á luz do día, diante de cámaras, e amparada por símbolos que aínda hoxe lexitiman discursos autoritarios e contra a democracia.

Estas violencias se exhiben, outras permanecen ocultas baixo discursos institucionais que as minimizan. Estes días, tamén vimos como un cargo público afirmaba que un home que asasinou a súa parella “quería moito á súa muller”, relativizando a violencia de xénero baixo o argumento dunha suposta afectividade amorosa. A isto súmase que Isabel Díaz Ayuso saíu en defensa destas declaracións, validando un relato que exime de culpa o agresor e cuestiona a natureza machista do crime. Estamos ante un claro exercicio de violencia institucional, unha forma de xustificación e lexitimación simbólica que transforma un feminicidio nun acto tráxico sen intención e edulcorado. Cando palabras así reciben apoio político e institucional, o dano é dobre: banalízase un crime machista e transmítese á sociedade a mensaxe de que o feminicidio pode ser entendido fóra das lóxicas da violencia patriarcal.

E nese mesmo marco de negación, minimización e branqueo institucional encaixa tamén o caso do exconselleiro Alfonso Villares. Tras ser denunciado por presunta agresión sexual o pasado xaneiro de 2025, coñeceuse que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estaba ao tanto da denuncia dende había catro meses. A pesar diso, Villares mantívose no cargo até que o proceso xudicial avanzou, e a súa dimisión chegou acompañada de abrazos, aplausos e declaracións de solidariedade e apoio público por parte do propio Rueda. Este tipo de despedidas con honores a homes en posición de poder, investigados por violencia sexual, envía unha mensaxe devastadora: que a reputación do agresor importa máis que a reparación da denunciante. É tamén unha forma de violencia institucional que reforza a impunidade e contribúe a eximir de responsabilidade ós homes que exercen violencia.

Estes tan só son algúns exemplos das violencias simbólicas, físicas e institucionais, pero as violencias machistas son múltiples e estruturais, operan e se reproducen en numerosos ámbitos nos que, en gran medida, quedan invisibilizadas: as mulleres migrantes que traballan no mercado informal, as mulleres pobres, as mulleres racializadas ou as mulleres trans sofren maior vulnerabilidade, incomprensión e ocultación das violencias das que son vítimas.

Romper o silencio continúa a ser unha tarefa necesaria e colectiva. Cómpre non mirar para outro lado fronte aos peitos violentados e ás violencias institucionais, fronte a toda a rede complexa de prácticas e discursos que disciplinan, xustifican e agreden os corpos e as vidas das mulleres. A sociedade non se pode permitir máis violencias nin máis silencios. Os coidados deben ocupar un lugar central: coidados institucionais que reparen, acompañen e devolvan ás mulleres o dereito a nomear o que lles acontece sen medo a ser xulgadas ou deslexitimadas.

Tracking Pixel Contents