Opinión | Cifras e letras
Os principais retos da IA
Durante a clausura dun acto ao que asistín recentemente, afirmouse que os principais retos da IA son lexislativos, éticos e de sustentabilidade. Sen facer unha emenda á totalidade -pois todo isto é relevante cando falamos da IA e de como deseñala, despregala e empregala adecuadamente-, si quero formular alegacións de peso a este razoamento.
Centrarnos no instrumental sen abordar antes o substantivo é como pensar que o máis importante dun xardín son as tesoiras de podar ou que, ao deseñar un coche, é máis importante reducir o consumo que aumentar a seguridade das persoas ocupantes.
Por outra banda, a necesidade de empregar de maneira profusa e atinada a lei e a ética na IA non é algo particular deste ámbito. De feito, hai outros, como a biotecnoloxía, que nos colocan diante de retos aínda maiores no referente á súa regulación, desenvolvemento e uso ético.
Así mesmo, e falando de sustentabilidade, a crise climática na que xa vivimos non se debe ao desenvolvemento e aplicación da IA -aínda que esta poida acentuala-, senón a outro tipo de actividades humanas moito máis esixentes no seu consumo hídrico e enerxético, e para as que seguimos empregando fundamentalmente os combustibles fósiles, un recurso para o que non contemplamos outro final que o do seu esgotamento. Por iso penso que non axuda moito insistir na crecente demanda de recursos que ten a IA (sobre todo auga e enerxía) se nese discurso pasamos por alto que, por moitos outros motivos, estamos sometendo o planeta a un estrés de consecuencias terribles e mesmo pode que irreversibles.
Sería tan fácil como inútil limitarme a evidenciar a miña discrepancia do dito naquel acto, así que vou apuntar os que considero como principais retos da IA. Teñen que ver co ben, coa xustiza e coa dignidade humana: como orientar a IA a usos que procuren sobre todo o ben común, como distribuír de maneira equitativa os beneficios de todo tipo que se deriven diso e como evitar a degradación humana e a delegación cognitiva, algo que, de darse, provocaría unha diminución da intelixencia humana.
A orientación ao ben común, a distribución equitativa dos beneficios e a preservación da dignidade e da intelixencia humanas esixe asumir que a IA non é só unha tecnoloxía máis, senón un amplificador sen parangón das nosas propias virtudes e defectos. Por iso, máis que preocuparnos primeiro polo seu marco lexislativo, pola súa sustentabilidade material ou pola súa adecuación ética en abstracto, convén preguntarnos polo sentido e a finalidade do seu desenvolvemento. É nesa reflexión onde xorden os desafíos verdadeiramente substantivos.
O primeiro reto é asegurar que a IA se desenvolva e utilice para maximizar o ben colectivo e non unicamente para o beneficio particular de quen a produce ou controla. Isto implica definir con claridade a súa finalidade, priorizar aqueles usos socialmente máis valiosos e establecer mecanismos de goberno adecuados para iso. Se realmente cremos que as tecnoloxías, incluídas as intelixentes, non son un fin senón un medio, deberiamos pensar colectivamente para que queremos unha intelixencia non humana e como queremos que complemente (e non substitúa) as nosas capacidades. Non se me ocorre nada máis estúpido que crear algo que te desvaloriza.
O segundo reto é a xustiza distributiva. A IA pode xerar enormes beneficios económicos, científicos e sociais, pero tamén pode concentrar poder e riqueza en moi poucas mans. Isto non é unha posibilidade: está a suceder. Son consciente de que non é nada fácil conseguir que os beneficios da IA se traduzan nun progreso social amplo e que, pola contra, non se agranden as fendas sociais, económicas, laborais, de saúde ou de educación; pero será imposible se nin sequera existe a vontade de que así sexa. Vontade política, seguida de políticas públicas que a concreten.
O terceiro reto -e quizais o menos debatido publicamente- é preservar a dignidade e a intelixencia humanas nun momento no que as máquinas poden simular un número crecente de tarefas cognitivas e cada vez con maior solvencia. Non se trata só de que, en última instancia, sexamos as persoas quen tomemos a decisión final cando esta nos afecta ou afecta a outros de maneira directa e sensible, senón de adquirir e practicar o pensamento crítico, a comunicación interpersoal, a introspección, a memoria asociativa, a creatividade, a imaxinación, as funcións executivas, o razoamento abstracto e tantas outras capacidades que corremos o risco de non exercitar ou mesmo de non adquirir suficientemente, como ocorre coas destrezas físicas cando se leva unha vida sedentaria.
O peor que nos pode ocorrer é ter acadado a intelixencia suficiente como especie para desenvolver unha intelixencia artificial capaz de imitar cada vez mellor as nosas capacidades cognitivas, pero non a intelixencia necesaria para que isto sirva para o ben e para todas as persoas.
- Nueva huelga de buses en Santiago sin los servicios mínimos al completo: 'Llego una hora tarde a trabajar
- Estos son los servicios mínimos de los buses de Santiago a partir de este miércoles ante la huelga indefinida
- De la verbena gallega al Benidorm Fest: un joven de Carballo quiere «mostrar el talento que hay en Galicia»
- Galicia triunfa en Netflix: una serie rodada en la comunidad es la más vista del último año... y no es 'Animal'
- El Sar se desborda en Bertamiráns y a la crecida del Tambre y Gallo se unen la del Cambeda, Bermaña y Xundarama
- Fallece a los cien años el empresario pobrense Severino Escurís Batalla
- El mal tiempo impide acabar la autovía Santiago-Lugo en plazo: 'Llevamos treinta y pico días sin dejar de llover
- Santiago empieza a sancionar con hasta 30.000 euros a los dueños de pisos turísticos ilegales
