Opinión | Olladas ao país
6-D: Partido Galeguista vs Constitución
O sábado 6-D celebráronse o 47 aniversario da aprobación da Constitución do Estado español e máis o 94 aniversario da fundación en Pontevedra, do Partido Galeguista (PG).
A respecto da Constitución cómpre decatarmos da súa caducidade, que comeza a se acreditar en moi variadas enquisas dos xornais madrileños da esquerda e dereita. O 23-N o president Puigdemont afirmaba na prensa estatal madrileña que o PSOE habería adherir a ruptura democrática da que refugou no 1979-1982, nomeadamente no recoñecemento do dereito a decidir de Cataluña, Euskadi e Galicia. Este 6-D o presidente do goberno do estado, lembrando a aprobación constitucional, recoñecía sotto voce a necesidade de que o sistema xurídico-político español evoluíse cara a plurinacionalidade. Non falou entón dalgúns dos fracasos do consenso constitucional de 1978: as graves chatas no recoñecemento dos dereitos á saúde e á vivenda, canda as chatas importantes nos dereitos á educación e á protección pública na dependencia. Problemas evidentes de redistribución fiscal e nomeadamente, de apoderamento dos recursos públicos e privados polas elites vencelladas ao capitalismo do palco do Bernabeu e á monarquía borbónica son responsábeis do fracaso relativo deste sistema e da necesidade da súa remuda.
O PG xurdiu da confluencia das Irmandades da Fala e diversos grupos de carácter nacionalista, sendo quen de transcender o ámbito puramente cultural para se converter na principal forza política mobilizadora da conciencia nacional de Galicia na Segunda República A súa acción centrouse na defensa dos intereses de Galicia como nación diferenciada e no desenvolvemento dun moi potente proxecto de modernización democrática e social. O acordo fundacional do PG reclamou, por primeira vez na historia de Galicia, o dereito de autodeterminación. Malia ese acordo fundacional o PG foi o principal motor político e social do proceso estatutario, consciente de que cómpre distinguir entre obxectivos a curto, medio e longo prazo. Neste senso, o PG asumía o Estatuto como estación intermedia no camiño para o recoñecemento nacional de Galicia. Despois Castelao, líder non discutido do PG, conseguiu o recoñecemento parlamentario do Estatuto de 1936 dende a presidencia do Consello de Galiza que constituía a representación fideicomisaria da vontade galega como expresión da mesma nas eleccións parlamentarias de febreiro 1936 e no referéndum estatutario de xuño de 1936.
Canda a caducidade do trebello constitucional de 1978 confronta a moi grande actualidade do proxecto encetado polo PG daquela. Porque o galeguismo político entende dende aquela a autonomía como un pacto social intermedio, mais non como unha estación que sexa remate de traxecto. Desbotando forzadas aceleracións de procesos que non sexan entendidos pola cidadanía galega. Velaí que o galeguismo político ha saber como entender o momentum da cidadanía galega canto á defensa dos intereses de Galicia.
O debate entre a Constitución de 1978 e o proxecto político do galeguismo (do nacionalismo galego, do soberanismo galego) ha de se entender mellor aínda no eido económico e social. Porque a Constitución de 1978 ten agravado máis aínda as diferenzas territoriais, o abafante predominio dun Madrid imposíbel demográfica e urbanísticamente e a apropiación dos recursos mineiros, enerxéticos, agrogandeiros e forestais galegos a prol dun Centro (da verdadeira España, Díaz Ayuso dixit) que non produce, malia que quere mandar no que producimos e no que haberíamos ser no futuro.
No 6-D eu adoito celebrar o aniversario do PG.
- Apagón en Santiago: una avería deja sin luz a 2.700 vecinos de Santiago
- Chisco Lema, veterinario experto en lobo: 'Hay manadas especializadas en cazar perros
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- Evitas el estrés del aparcamiento': el proyecto de dos vecinos de Milladoiro para compartir coche en los trayectos a Santiago
- Susto en la urbanización teense de Augas Mansas por un vecino atrincherado en casa
- La patronal acepta la mediación pero de momento la huelga de buses se mantiene en Santiago
- Borrasca 'Ingrid': ¿Nevará en Santiago de Compostela este viernes?
