Opinión | Cifras e letras
Un millón de móbiles
Jupiter é o supercomputador máis potente de Europa e o primeiro do continente en acadar a exaescala, xa que pode realizar máis dun trillón de operacións básicas por segundo. Tamén pode chegar a unha capacidade de memoria de exabytes.
As cifras destas máquinas son tan enormes que para decatármonos do que realmente significan convén comparalas con algo máis próximo. Por exemplo, cun móbil. En potencia de cálculo e en memoria un destes supercomputadores supera amplamente un millón de móbiles de última xeración -sen contar os chips de aceleración gráfica e de IA destes-. Amontoados, formarían unha columna cunha altura superior ao Everest. Aínda así, Jupiter non está no podio dos tres supercomputadores máis potentes do mundo. En todo caso, non se trata duns Xogos Olímpicos nin de levar ou non medallas, senón de contar coa capacidade necesaria para situarnos na vangarda da ciencia e do desenvolvemento tecnolóxico, algo que hoxe esixe dispor deste tipo de infraestruturas de cómputo. Por exemplo, estas máquinas son fundamentais para a investigación en IA, a modelización do clima, a investigación biomédica, o deseño aeronáutico e unha infinidade de simulacións científicas complexas.
Pero sigamos con algunhas comparacións que nos acheguen unha idea de como medrou a capacidade de cálculo nas últimas décadas. Cando se deu a coñecer ao mundo a intelixencia artificial con ese nome, en 1956, os escasísimos ordenadores que operaban daquela, como o Univac I, realizaban pouco máis dun milleiro de operacións elementais por segundo. Un móbil actual sería mil millóns de veces máis potente ca aqueles xigantes, que o eran polo tamaño, pero diminutos na súa capacidade de cálculo comparada coa das computadoras actuais.
Por suposto, tamén aumentou extraordinariamente a eficiencia destas máquinas se temos en conta o consumo por operación realizada. Doutra maneira sería imposible soster enerxeticamente estes sistemas. Pensemos que o consumo do Univac I era duns 125 kW, o que suporía que unha central nuclear dunha potencia de 1 gigavatio podería fornecer a enerxía necesaria a miles de computadores coma aquel. Cun custo enerxético por operación igual ao de entón, Jupiter necesitaría para funcionar nada menos que unhas cen mil centrais como a nuclear valenciana de Cofrentes. Mais Jupiter non consome nin como un centenar de Univac I, aínda que iso supere o consumo de máis de dez mil fogares.
Falemos agora de Xúpiter, o planeta. Comparado coa Terra é un xigante 1.300 veces máis grande. Porén, todo é relativo, xa que fica empequenecido cando o comparamos co Sol, unhas mil veces máis grande que o planeta gasoso. Con todo, se Xúpiter crecese ao ritmo ao que o fai a potencia de cálculo, nuns 15 anos acadaría o tamaño do Sol, xa que desde hai décadas esta duplícase aproximadamente cada ano e medio ou dous anos. Esta regularidade tecnolóxica coñécese como a Lei de Moore, aínda que non sexa unha lei no sentido
científico do termo, pois non describe unha regularidade física comprobable, senón unha tendencia na evolución tecnolóxica da industria dos chips.
Esta progresión exponencial estanos a axudar a deseñar novos fármacos, simular o comportamento de materiais e procesos físicos complexos, avanzar cara a facer realidade a enerxía de fusión ou crear novos modelos de IA que nos continúan a sorprender coas súas funcionalidades.
Iso si, a demanda de cómputo da IA, en particular da IA xerativa, estase a duplicar cada seis meses. Está claro que para a ciencia nunca “abonda”, polo menos mentres o desenvolvemento tecnolóxico o permita.
- La inminente apertura de la A-54 convierte Lavacolla en aeropuerto central del Bierzo
- Galicia se congela con el aire polar: un nuevo frente de frío, nieve y granizo llega para comenzar la semana
- Los sindicatos del transporte solicitan reunirse con la patronal: «Agardamos unha proposta seria»
- La transformación del conector central de Santiago: 22 equipos presentan sus propuestas y solo 5 pasarán a la final
- Impresionante chalet de obra nueva a las puertas de Santiago: diseño, eficiencia y naturaleza en un entorno privilegiado
- Polémica en Santa Marta por una obra autorizada junto a un hórreo centenario: «Estamos co medo de que se nos veña todo abaixo»
- Herida una joven al chocar contra un muro y otro coche en Boqueixón
- La periodista estrella de TVE visita Santiago: Silvia Intxaurrondo llega invitada por la Fundación Araguaney
