Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Carta aberta do Director Titular e Artístico da Real Filharmonía de Galicia

En relación co artigo publicado en El Correo Gallego, quixera compartir unha reflexión serena desde a responsabilidade artística que exerzo como Director Titular e Artístico da Real Filharmonía de Galicia.

Un dos propósitos fundamentais de calquera institución cultural pública é estimular o diálogo arredor da arte e, no noso caso, arredor da música orquestral. Celebro que exista debate sobre o papel dunha orquestra pública no século XXI. De feito, boa parte do gran repertorio clásico —desde Beethoven até Bruckner ou Mahler— naceu rodeado de controversia, rexeitamento inicial e discusión pública. O debate, cando é rigoroso e honesto, forma parte esencial da vida cultural.

A Real Filharmonía de Galicia é a cuarta orquestra da que son Director Titular e Artístico. Como nas miñas responsabilidades anteriores, traballei sempre cunha estratexia artística sensible ao territorio, á sociedade e orientada a un futuro relevante e sustentable. O Consorcio de Santiago contratoume co obxectivo explícito de contribuír á transformación e modernización da orquestra: non só no estritamente musical, senón tamén na programación, na imaxe, no acceso do público e no papel social da institución.

Son consciente de que as miñas conviccións artísticas poden xerar debate no ámbito da música clásica. Porén, considero que o artigo publicado non fai xustiza nin á complexidade do proxecto artístico da RFG nin ao nivel de reflexión pública que merece unha institución cultural desta relevancia.

O contacto co mundo de hoxe

Ao longo de toda a miña carreira integrei a música actual con absoluta naturalidade nas miñas programacións. En todo o mundo, desde festivais e orquestras de prestixio até agrupacións locais, a música clásica procura situarse na realidade contemporánea e responder aos hábitos de escoita do século XXI. Este lugar é imposible sen un contacto vivo coa música do noso tempo e a actualización dos formatos de concerto.

Na Real Filharmonía de Galicia, os concertos de abono desta tempada 2025/2026 suman 1.170 minutos de música programada, dos cales 233 minutos corresponden a obras de compositoras e compositores vivos, é dicir, aproximadamente un 19 % do total. Esta porcentaxe é similar —e incluso lixeiramente inferior— á que mantiven en tempadas anteriores na RFG e durante os meus seis anos como Director Titular da Orquestra Sinfónica do Porto Casa da Música.

Este repertorio inclúe obras tan diversas como música de Arvo Pärt, Gabriela Ortiz, Philip Glass ou creacións de Bryce Dessner, compositor contemporáneo e de música para cinema recoñecido internacionalmente. Cando se fala dunha suposta «priorización da música contemporánea», en realidade refírese principalmente aos encargos a creadoras e creadores galegos e do ámbito estatal, que en ocasións representan estéticas máis avanzadas ou menos convencionais.

Estes 16 encargos, pezas breves de menos de cinco minutos cada unha, conforman o Proxecto Cometas, co que celebramos o noso 30 aniversario xunto ás creadoras e creadores do noso tempo, algo que nos enche de orgullo.

Entendo perfectamente que non todas as persoas se sintan cómodas coas obras contemporáneas máis esixentes. Porén, estas músicas reflicten a realidade de hoxe en día e forman parte inseparable dunha programación honesta e diversa. Como programador, creo firmemente que presentar toda a amplitude do repertorio musical é unha función esencial dunha institución pública, especialmente nunha época dominada por algoritmos que tenden a ofrecernos unicamente aquilo que confirma as nosas preferencias previas.

Máis alá dos gustos individuais, a creación de novo patrimonio musical galego resulta dificilmente cuestionable nun territorio que non contou con orquestras sinfónicas estables até a década de 1990 e que, como consecuencia, posúe un repertorio sinfónico propio aínda reducido.

A identidade dunha orquestra

O artigo cuestiona tamén o uso da orquestra en obradoiros para mozas compositoras, compositores, directoras e directores. A RFG é unha das poucas —se non a única— orquestras profesionais en España que desenvolve unha formación estruturada de mozas músicas e músicos profesionais a través da Escola de Altos Estudos Musicais. Este modelo de academia orquestral, habitual en países do norte de Europa como Alemaña, constitúe un dos grandes activos da RFG.

Nun territorio onde moitas persoas novas dedicadas á música se ven obrigadas a emigrar na procura de formación ou inserción profesional, este traballo adquire un valor estratéxico incuestionable. A colaboración con mozas compositoras e compositores, así como con directoras e directores emerxentes, é a continuación lóxica desta labor. Proba da relevancia destes proxectos é que, para a recente selección do novo director asistente, se presentaron máis de 80 candidaturas de todo o mundo.

Estes programas non responden —como suxire o artigo— á creación de redes persoais, senón a un compromiso real co futuro da música clásica en Galicia. Ademais, xeran identidade artística e proxección profesional moito máis duradeira ca unha xira internacional puntual, cuxo custo para unha orquestra do tamaño da RFG é altísimo e dificilmente sustentable con fondos públicos.

Ao longo de toda a miña carreira considerei prioritario abrir portas ás novas xeracións. Fágoo en todos os meus cargos, xa sexa no marco da Academia do Festival de Lucerna ou en colaboracións recentes coa Orquestra da Radio WDR de Colonia. Enchérame de orgullo contribuír a que a RFG sexa recoñecida internacionalmente como unha orquestra comprometida coa formación, especialmente nun contexto social no que o desemprego xuvenil segue a ser preocupante.

O diálogo

Desde a miña chegada a Galicia abríronse canles de diálogo estables tanto coas persoas abonadas como co persoal artístico da orquestra, asumindo que o debate sobre o futuro e a relevancia da RFG é non só lexítimo, senón necesario.

No que respecta á asistencia de público, considero imprescindíbel remitirme aos datos oficiais do Auditorio de Galicia, que son os que deben servir de base para calquera análise rigorosa:

Datos provisionais de 2025, correspondentes aos primeiros 20 concertos.

Datos provisionais de 2025, correspondentes aos primeiros 20 concertos. / Cedida

Gustaríame que esas cifras fosen máis altas? Sen dúbida. Gustaríame que toda a cidadanía de Santiago acompañase este proxecto, debatendo, reflexionando e, sobre todo, escoitando ao noso carón. Confío en que mesmo as voces máis críticas poidan aceptar que, en ocasións, a realidade precisa ser cuestionada —no sentido socrático do termo— para fortalecerse.

As orquestras, como as sociedades ás que serven, deben evolucionar. E a cultura ten tamén a tarefa fundamental de formular preguntas esixentes, sempre desde o respecto e a responsabilidade. Por iso, convido a todas as persoas —críticas ou non— a escoitarnos con apertura, participar no debate e contribuír a un discurso público digno dunha orquestra extraordinaria como a Real Filharmonía de Galicia.

Tracking Pixel Contents