Opinión | Olladas ao País
O acerto do nacionalismo galego cando cogobernou o País
Este sábado 13-D máis de 80 cargos da administración BNG no goberno de coalición que partillou co PSdeG (2005-2009) celebraron o 20 aniversario do comezo da súa xestión nun acto no que se lembrou o labor desenvolvido naquel goberno de acertos. E non dende a nostalxia do pasado, como ben afirmou no devandito acto a pasada conselleira Teresa Táboas, senón dende un proxecto para un futuro alicerzado no común orgullo e afirmación deste macizo balance que o pasado vicepresidente da Xunta Anxo Quintana agoirou que se repetirá moi logo baixo a presidencia de Ana Pontón.
O goberno de coalición BNG-PSdeG supuxo unha ruptura coa longa hexemonía do PP e introduciu por primeira vez unha experiencia de goberno galego con presenza nacionalista, orientando a súa acción a reforzar o autogoberno, a cohesión territorial e as políticas sociais. Fronte ao dependentismo dos gobernos de Feijoo e Rueda (2009-2025) o BNG na Xunta soubo por á economía, intereses e identidade do país e ao benestar da súa cidadanía no centro das súas políticas.
Canto á política de vivenda e solo industrial (Teresa Táboas), déuselle pulo decidido á vivenda pública, con aumento notable do parque de vivenda protexida. Fomentouse tamén o alugueiro social fronte ao modelo especulativo e, en xeral, púxose o foco na vivenda como dereito social, non só como ben de mercado. O solo industrial experimentou un grande pulo; velaí os polígonos da Sionlla-Compostela, Morás-Arteixo ou as Mercedes-Lugo, canda outros varios.
Na política agraria e do medio rural (Alfredo S. Canal), desenvolveuse un conxunto solvente de actuacións para dignificar o rural tanto como espazo produtivo como espazo vital, loitando contra a liña do espazo rural como espazo residual desenvolvida por Fraga, Feijóo e Rueda. Defendeuse, xa que logo, un modelo de agricultura sustentábel fronte á concentración e o abandono do rural, apoiando as pequenas e medianas explotacións e diversificando economicamente o rural. Dende a perspectiva estrutural aprobouse unha moi potente lexislación de prevención e extinción dos incendios, parcialmente derrogada por Feijóo. No ámbito das estruturas salientaron moi potentemente a creación do Banco de Terras (tan imprescindíbel que o PP non puido prescindir del) e das Unidades de Xestión Forestal.
Na política cultural e deportiva (Ánxela Bugallo) cómpre salientarmos as políticas de promoción cultural, memoria democrática, patrimonio cultural, fomento do audiovisual e das industrias culturais galegas, recoñecemento das seleccións deportivas nacionais e fomento do deporte de base, feminino e de alto rendemento.
Desde a Vicepresidencia exercida por Anxo Quintana artellouse unha política de igualdade e servizos sociais case dende a nada que lle deu pulo a unha visión moito máis social do goberno. Promulgáronse as primeiras leis de Igualdade (2006)e Servizos Sociais (2008) de Galicia e definiuse unha xestión consorciada dos servizos de igualdade e benestar cos concellos, construíndo unha mesta rede de escolas infantís (galescolas), centros de día e residencias da terceira idade. Mesta rede pouco atendida polos gobernos posteriores do PP que, porén, amorteceu non pouco os efectos da pandemia no 2020-21. Na área do autogoberno o vicepresidente Quintana promoveu un novo Estatuto de Nación, torpedeado despois por Feijóo e un substancial incremento do autogoberno a medio de traspasos de competencias. algúns deles logo paralizados por Feijóo. Tamén acadou un acordo unánime do Parlamento para a transferencia do tráfico, que PSOE e PP fixeron naufragar en setembro de 2010 no Congreso.
No eido sectorial da Consellería de Innovación e Industria (Fernando Blanco) promulgouse unha Lei de Comercio Interior (2008) que puña o comercio de proximidade no centro e unha Lei de Turismo (2008) amplamente modernizadora das industrias e actividades turísticas. Foi moi significativa a política de promoción industrial e de fomento da I+D+i dende níveis previos moi baixos, reeditados por desgraza despois coa volta do PP. O concurso eólico puxo (como lembrou este día Quintana) os recursos naturais ao servizo da cidadanía galega- Axiña sería abortado por Feijóo coa inspiración do status quo económico que non quería que Galicia gañase músculo industrial por si propia. Perdéronse entón un investimento de 5000 M €, a creación de 8000 postos de traballo no territorio e acaídos retornos para as comunidades locais.
A realidade daquel goberno transformador, digno e radicalmente honesto foi adoito agachada ao longo destes anos. E non só pola dereita e pola esquerda españolas. Mais semella que os tempos son chegados para que emerxa, ben visíbel, para ocupar o lugar que lle pertence na historia e para iluminar, quizais moi axiña, o próximo futuro.
- Un restaurante compostelano se cuela entre los favoritos de los españoles para comer en 2025
- Susto en la urbanización teense de Augas Mansas por un vecino atrincherado en casa
- Un vuelo de Ryanair entre Valencia y Santiago acaba desviado a Madrid por el mal tiempo
- El lobo mata tres perros en el rural de Santiago: 'La gente no quiere salir al monte
- Buscan «parejas reales» en Santiago para participar en lo que parece la nueva serie de época de Vaca Films
- Comer 'por menos de 6 euros': tres restaurantes de Santiago que adoran los estudiantes
- Luto en la TVG y la Radio Galega por la muerte de la periodista Mabel Montes
- Drones y puertas marcadas en Ames: ¿‘modus operandi’ de la Banda del Volvo?
