Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | NEGRO SOBRE BRANCO

Doutora en Economía

Correos: cambio de negocio

Algo pasa en Correos para que chegaramos a normalizar -ou mesmo tomalo como habitual- que unha carta, dentro da cidade, poidera tardar 10, 12 ou mesmo 20 días, en ser entregada. A explicación está precisamente en que Correos cambiou tanto que semella que agora o que menos importa é ter carteiras/os para prestar un servizo público e ser quen de facer chegar correspondencia en condicións das que figuran no Convenio Unión Postal Universal para o conxunto de cidadáns. Tratando de averiguar a causa destes retrasos que non se producen coa paquetería enteirámonos do disparate loxístico, xa que todas as cartas que entran nas oficinas de Correos, mesmo as que non deberían saír da cidade, percorren unha miga da Península Ibérica para despois desa viaxe retornar a cada cidade. Tempos atrás os buzóns da correspondencia urbana separaban esas cartas das restantes e eran clasificadas por rúas ou entidades rurais polo que podían ser entregadas cunha rapidez exemplar e tamén esperábel.

Hoxe é imposíbel que con esta tolura de discorrementa na distribución o servizo sexa eficaz e moito menos rápido. As cartas saen de cada destino, paran en Lavacolla no Centro de Tratamento Automatizado (CTA) e logo collen cara ao CTA de Valladolid, que debe de ser mellor, e unidas aos restantes envíos de Galiza pasen a ser distribuídos e remitidos de novo a Lavacolla para volver camiño cara ao seu destino. Estiven cavilando para comprender o sentido desta viaxe turística e á contra do camiño de Santiago. E non llo atopei. Pensando nos procesos presentes de descarbonización, é un destrago de consumo de combustíbel pois merecería ser aforrado para colaborar cuns servizos de Correos sostíbeis e menos contribuídores ás emisións que inflúen negativamente no cambio climático. Esta práctica dunha empresa estatal contradí completamente as directrices do Goberno en materia de transición enerxética. Por levar as cartas de viaxe tampouco pode ser, xa que ao ser inertes como papel que son, é inútil levalas de excursión: non se enteiran nen van enriquecer o seu ser material. E pior, pódense perder nese traxecto e non son capaces de pedir auxilio nen de deixar rexistro do seu paradeiro.

Para averiguar a razón fun a Correos, oficina de Lugo, que é igual que calquera outra, e fiquei moi sorprendida co panorama existente no patio de operacións. De feito, despois de entrar volvín saír pensando que tivera unha mala visión e estaba dentro do vello bazar ‘Arco Iris’. Había á venda bonecos, abanos de vivas cores (non sei si imitaban o arco da vella, agora sí, ou á enseña lgtbi), botellas para levar auga de viaxe, contos de coloríns para nenos, rifas da ONCE, seguros AXA, tarxetas de crédito, balizas para autos (moi caras)… Unha vez que me asegurei que era Correos preguntei e fun informada de que si: todo iso se vende alí e os empregados de Correos de xanela fan o seu traballo máis este de vendechifres sen ter modificado a súa categoría, nen o seu status nen o soldo, agás cando é preciso facer horas extra (ou receber un plus por póliza de seguro). Un mundo novo. As cartas van a Valladolid porque alí está a máquina clasificadora adecuada, que non hai en Lavacolla. E o xenio da xestión que discurríu isto seguro que ten un premio. Ao saír saltaba a nova da visita da UCO a Correos. Ao parecer hai dúbidas razonábeis do bon facer na sinatura dalgún contrato con algunha empresa privada, desa ristra de mercadorías.

Xa sei que alguén pode argüir que hoxe non se escriben moitas cartas. Certo, mais iso o único que xustificaría é maior celeridade no servizo.

Tracking Pixel Contents