Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Cifras e letras

Director CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (USC)

Persoas do ano para TIME

A revista TIME vén de dedicar a súa portada “Persoas do ano 2025” a algunhas das figuras que guían o mercado da IA, o que ven sendo case o mesmo que dicir que deciden como será a intelixencia artificial que teremos nos vindeiros anos. A portada -unha delas- é unha recreación da icónica fotografía de 1932 na que uns obreiros comen sentados sobre unha viga de aceiro nun rañaceos en construción en Nova York. Quen aparecen agora debuxados nesa posición son: Mark Zuckerberg, CEO de Meta; Lisa Su, CEO de AMD -unha das compañías líderes na fabricación de chips-; Elon Musk; Jensen Huang, CEO de NVIDIA -a empresa cuxos chips son o maior desexo de quen quere medrar arredor da IA-; Sam Altman, CEO de OpenAI -a compañía que desenvolveu e comercializa ChatGPT-; Demis Hassabis, CEO de DeepMind -empresa de Alphabet, matriz tamén de Google, e gañador do Premio Nobel de Química en 2024-; Dario Amodei, CEO de Anthropic -outra das compañías líderes no desenvolvemento de modelos de IA xerativa-; e Fei-Fei Li, unha das investigadoras e emprendedoras máis recoñecidas no mundo da IA.

Non sei que levou o autor da portada a relacionar estas persoas con aqueles traballadores que, hai case un século, comían despreocupadamente na que acabou sendo unha das fotografías máis importantes da historia. De feito, unha das cen máis influentes, segundo a propia revista TIME. En todo caso, eu vexo unha analoxía. Os once obreiros non tiñan absolutamente ningún elemento de seguridade e o único que os sostiña a máis de 240 metros do chan eran os seus cus apoiados no aceiro da viga. Dalgunha maneira así viven hoxe os responsables deste frenesí da IA no que estamos inmersos, con investimentos desbocados e un crecemento empresarial sen precedentes. Tamén eles están pendurados nas alturas, sen arneses nin redes, arriscándose a esnafrarse se se esboroa o andamio sobre o que están a construír os seus emporios de IA , arrastrando consigo ao resto. De feito, aínda que a revista TIME refírese a estas persoas como as arquitectas da IA e algunhas delas están efectivamente entre quen dirixe ou dirixiu científica e tecnoloxicamente o avance do campo -como ocorre con Hassabis, Amodei e Li-, a maioría, singularmente Elon Musk e Sam Altman, máis que arquitectos son promotores tecnolóxicos.

Os rañaceos que agora se están a construír dan aínda máis vertixe que os que se ven na histórica fotografía. NVIDIA é a primeira empresa do mundo en acadar os 5 billóns de dólares de valor bursátil. Tampouco nunca antes nos Estados Unidos se investira unha porcentaxe tan alta do PIB nunha tecnoloxía ou programa tecnolóxico como nas tecnoloxías da información, especialmente na IA: nada menos que o 1,3 % en 2025. Quizais lle pareza pouco, pero teña en conta que no proxecto Apollo foi o 0,8 % e no proxecto Manhattan, que supuxo o desenvolvemento da bomba atómica, o 0,4 %.

Pola súa banda, OpenAI conseguiu que ChatGPT se convertese na aplicación de consumo de máis rápido crecemento de todos os tempos, superando hoxe os 800 millóns de usuarios semanais, o que a converteu nunha empresa valorada por riba do medio billón de dólares con só unha década de vida. Anthropic non quere quedar atrás e en apenas catro anos acadou unha valoración de case 200.000 millóns de dólares. Mais todas estas cifras palidecen fronte á afirmación do CEO de NVIDIA de que a IA vai converter en medio trillón de dólares os 100 billóns nos que se estima o PIB mundial na actualidade.

Con este panorama, o sensato sería introducir moita cautela e regulación no desenvolvemento e uso da IA, pero hai moitos intereses e moita irresponsabilidade sobre o terreo de xogo. Trump e os seus, de feito, están a buscar como bloquear as leis actuais e futuras dos estados norteamericanos, xa que ao seu xuízo limitan o desenvolvemento da IA, dándolle así vantaxe a China.

Non sei que pensará o lector, pero non quixera ser eu cómplice de que nos esnafremos contra o chan por non tomar as debidas precaucións coa IA, aínda que no meu epitafio figurase que fun persoa do ano 2025 para TIME.

Tracking Pixel Contents