Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Res pública

Director del Foro económico de Galicia

Endebedarse non é sempre malo

A débeda ten mala prensa. Por iso toca matizar. A débeda de empresas, familias e sector público pode verse como o colesterol. Superados certos niveis, é un problema serio que require redución urxente. Porén, sabemos que un colesterol próximo a cero xera deterioro celular, eivas hormonais, riscos neurolóxicos e mentais e dificultades dixestivas. Tamén sabemos que existe colesterol “bo” e colesterol “malo”, igual que existe débeda mala e boa. A primeira sería a que se asume a coste elevado para financiar cousas non esenciais ou que non van xerar un impacto positivo sobre os resultados futuros. Porque non é o mesmo endebedarse para financiar unha viaxe de pracer, facer unha obra pública irrelevante ou comprarlle un coche de luxo ao xefe, que facelo para mercar a túa vivenda, adquirir unha máquina que aumentará extraordinariamente a produtividade da empresa, posibilitar unha ampliación dun porto colapsado, ou financiar unha ampliación de estudos de posgrao.

Clarexado o anterior, o que vemos en España é unha fortísima redución do endebedamento das empresas que vai da man dun menor investimento, ata o punto que o analistas comezan a estar preocupados. Nun momento de profundos cambios no xeito de producir e no contexto competitivo, as empresas non poden optar por non moverse, por seguir facendo o de sempre do mesmo xeito que sempre: de pouco valerá non ter débeda se nun par de anos quedas sen clientes.

Pola contra, o sector público debera reducir máis rapidamente a ratio débeda/PIB. Porque hai que prepararse para conxunturas nas que haxa que endebedarse para manter servizos básicos, ou para facer fronte a eventos extremos coma os que vivimos nos últimos quince anos.

Finalmente, os fogares son os que amosan un perfil máis equilibrado e razoable. Parece que aprendimos dos excesos da primeira década de século.

Tracking Pixel Contents