Opinión | Buenos días y buena suerte
Despedida (breve) do Ano Castelao
Queda unha semana apenas para un novo aniversario da morte de Castelao en Buenos Aires (7 de xaneiro), e aquí pechamos xa o ano no que se cumpriron 75 da súa desaparición. Unha data simbólica, como a chegada dos seus restos ao Panteón de Galegos Ilustres en 1984. A vida de Castelao, por avatares persoais e por avatares políticos foi a historia dunha ida e unha volta, ou mellor, de varias idas e voltas, entre a emigración familiar e o exilio, unha vida tan local como cosmopolita, tan arraigada na alma de Rianxo, de Compostela ou Pontevedra, como na procura dunha liberdade transoceánica.
Non se pretende aquí, nestas breves liñas, outra cousa que lembrar a inmensa débeda de Galicia con Castelao, e a homenaxe constante que merece quen tan ben entendeu o país, e o humorismo retranqueiro inherente á nosa condición. Non só quen entendeu o país, senón quen tanto axudou a forxalo no medio da traxedia. Castelao é unha figura poliédrica, un artísta proteico, que constrúe un gran edificio político e cultural, na liña, por suposto, doutros moitos intelectuais galegos, nomeadamente da Xeración Nós.
Esta despedida breve que nos conduce en pouco máis de sete días á un novo aniversario da morte de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, (e nun mes ao aniversario do seu nacemento), é breve polo espazo que ocupa nesta páxina, mais ten que ser breve noutro sentido. Breve ten que ser o tempo de espera antes de que volvamos unha vez máis cara a el e cara a súa gran pegada histórica. Porque a súa memoria non pode nin debe pausarse, nin escurecerse.
A forza de Castelao como gran intérprete do ser galego, da alma galega, é extraordinaria. Non só pola dificultade do tempo que lle tocou vivir, como diciamos, senón pola súa capacidade para representar na escrita e no debuxo esa idiosincrasia galega de forma maxistral. E, por suposto, no eido político, porque Castelao é o home total, capaz de despregar con gran enerxía múltiples elementos de diferente índole (arte, política, xornalismo, presenza institucional) a favor de Galicia. Non en balde, Miguel Anxo Seixas titula a súa monumental biografía, publicada en Galaxia, cun epígrafe breve e luminoso, como sen dúbida lle gustaría a Castelao: ‘Construtor de Nación’.
Durante estas semanas volvín con entusiasmo a ‘Cousas de vida’, ou ao sorprendente ‘Cincuenta homes por dez reás’, todo iso pola paixón de retornar á sátira de Castelao (‘Sempre en Galiza’ é, en cambio, esa gran ‘work in progress’ que explica o ser deste país). Todo iso na magnífica reedición da Biblioteca Castelao de Galaxia. Tamén, claro, á Seixas, e á Henrique Monteagudo, que tanto escribiron sobre el, e á outros. E máis recentemente á esa gran edición de luxo que saíu do prelo de Teófilo, escrita por Paco López Barxas, con ilustracións (tan fermosas como adoitan ser sempre) de Isabel Pintado. Barxas é un gran coñecedor de Nós, e Nós ábrese camiño con forza nesta edición preciosa, moi, moi didáctica, contada en agarimosa e pulcra primeira persoa. Con bo acompañamento de cartas, pois o xénero epistolar é barxiano por excelencia. Paréceme unha gran edición de homenaxe ao xenial autor de Rianxo neste aniversario que agora remata.
A cegueira ou os graves problemas de visión emparentan a algúns dos grandes escritores ao longo da historia. Como eu fun joyceano toda a miña vida, aquí atopo un vínculo potente entre Castelao e Homero, Milton, Joyce, Huxley… ou Borges (tan distinto), e comprendo que a cegueira é o gran símbolo do sufrimento en Castelao, como ben dicía Luz Pozo Garza en “As maus dos cegos”, que Barxas recolle. Aquí seguimos: baixo a luz e o sorriso (sarcástico) doutro profeta Daniel, como ben escribía Darío Xohán Cabana.
- Un famoso compostelano, la viuda de Camilo José Cela y una atleta gallega, participantes de la nueva gran apuesta de RTVE
- Nueva jornada de huelga de buses urbanos: Santiago, sin servicios mínimos
- Tormentas, granizo, nieve y vientos de intensidad huracanada: lo peor del temporal llega a Galicia
- El jardín de las 20.000 rosas que marcó la Navidad en Santiago: 'Superó todas nuestras expectativas
- David Uclés, premio San Clemente: 'Estoy muy unido a Santiago y a sus bibliotecas
- Un vehículo volcado y ardiendo deja tres heridos y obliga a cortar la AP-9 en dirección Santiago
- Santiago afronta este viernes una nueva jornada de huelga de buses
- La macrofiesta más esperada del carnaval gallego está en área y ya tiene fechas: 'Un viaje musical apoteósico
