Opinión | Cifras e letras
Produtividade mergullada
A economía mergullada ten efectos moi negativos sobre o conxunto da sociedade. Reduce a recadación pública e limita a capacidade do Estado para financiar servizos colectivos como a educación, a sanidade, as infraestruturas ou as pensións. Dana tamén a competencia empresarial, ao favorecer a quen incumpre a lei, e deteriora a calidade do emprego: as persoas traballadoras informais carecen aparentemente de deberes, pero tamén de dereitos.
A IA está a propiciar outro tipo de actividade mergullada, mais esta afecta sobre todo á produtividade, cuxo incremento non está a aflorar como supostamente debería. A produtividade, na súa definición máis simple, mide canta produción se obtén por unidade de recurso empregado, xa sexa tempo, capital ou traballo. Unha persoa, unha máquina ou unha organización son máis produtivas cando acadan máis resultados co mesmo esforzo, ou os mesmos resultados con menos recursos. É un indicador esencial para o crecemento económico e para a competitividade das empresas.
Que a IA vai aumentar a produtividade a eito xa é un mantra. Porén, polo de agora o incremento da produtividade está máis presente nos discursos que nas estatísticas. Dise tamén, aínda que cada vez menos, que a IA é a electricidade do século XXI, pero os produtos e servizos baseados en IA poucas veces son un verdadeiro plug and play e non existe nin existirá nada semellante a unha rede de IA á que poidamos conectar calquera dispositivo, robot, máquina ou computador para que este comece a ser máis intelixente [artificialmente] do que era. Polo tanto, témome que terán que pasar algúns anos ata que ese tan cacarexado aumento da produtividade se perciba con claridade.
Mentres tanto, o certo é que moitas persoas están a utilizar ferramentas de intelixencia artificial pola súa conta, sen que sexa o resultado dunha decisión das súas organizacións e, moitas veces, sen que estas sequera o saiban. Á marxe dos posibles problemas derivados dun uso descontrolado e mesmo descoñecido para as organizacións -pensemos, por exemplo, no que pode supoñer que información sensible sexa compartida de maneira irresponsable cos modelos de IA-, un profesional pode obter un beneficio directo do uso da IA para desenvolver o seu traballo. Por exemplo, reducindo o tempo dedicado á análise e á redacción de documentos, á xestión do correo, á creación de código ou á realización dunha infinidade de tarefas administrativas.
Este fenómeno formula unha cuestión relevante: que ocorre cando a produtividade persoal aumenta grazas á IA, pero non transcende á organización para a que se traballa? A escala individual o impacto é claro: a persoa produce máis en menos tempo. Porén, para a súa organización o efecto pode ser reducido ou mesmo negativo. Por unha banda, podería beneficiarse indirectamente dun traballo máis rápido ou mellor executado, pero, ao non ter nin constancia nin control diso, poden xurdir problemas: perda de coherencia metodolóxica, riscos de seguridade ou confidencialidade, desigualdades internas entre quen emprega IA e quen non e unha dificultade crecente para planificar cargas de traballo e medir desempeños reais. Ademais, se as persoas empregadas usan a IA para alixeirar o seu traballo de maneira individual, a mellora non se traduce en aprendizaxe colectiva nin en cambios estruturais. O coñecemento fica encapsulado en persoas concretas e non se estende á organización.
Imaxinemos un exemplo irreal, mais espero que ilustrativo, no que un condutor dunha empresa de transportes puidese realizar as rutas na metade de tempo sen que a empresa o soubese. O condutor podería facer o seu traballo coa metade do esforzo, pero a empresa seguiría planificando rutas, tempos e loxística como se nada tivese cambiado.
Empregar a IA de maneira «clandestina» ten estas consecuencias: pode aumentar a produtividade individual, pero ficando mergullada para as organizacións e para o conxunto da sociedade, de xeito que nin aparecerá nas estatísticas de produtividade nin na conta de resultados das compañías.
Que quede claro que non estou a criticar ao profesional que fai un uso axeitado daquelas ferramentas que ten ao seu alcance para facer mellor ou máis rápido o seu traballo, aínda que os beneficios se circunscriban á súa actividade dentro da organización. O que estou é a advertir ás organizacións de que, deste xeito, os beneficios para elas son escasos, se é que os hai.
- La nieve y el frío intenso regresan a Galicia: una masa de aire polar llega para desplomar las temperaturas
- La Xunta inicia el proceso para construir 36 pisos protegidos en Volta do Castro
- Cierra A Gata Tola, mítica librería de cómic en Santiago
- Un nuevo robo de oro en Trazo amplía la ola de asaltos de la Banda del Volvo
- Un famoso compostelano, la viuda de Camilo José Cela y una atleta gallega, participantes de la nueva gran apuesta de RTVE
- López Couso lanza su candidatura a rectora: «Queremos unha USC que coide das persoas que a fan posible día a día»
- El bar de Santiago que gasta 2.700 huevos al día para hacer la tortilla de la que todo el mundo habla
- El rechazo de los conductores de Santiago a los nuevos radares: 'Son recaudatorios al 100%
