Opinión | Cifras e letras
Polbo, chips e IA
O meu amigo Pepe abriu hai tres anos un restaurante de comida rápida á galega en Santiago de Compostela. Investiu nel case todos os seus aforros e foille moi ben. Chámase “Pepe Polbo”, pero a xente comezou axiña a chamalo o local do PP e a Pepe iso non lle fixo moita graza, porque el é moi de esquerdas. Todo na carta é a base de polbo: polbo á feira, polbo teriyaki, carpaccio de polbo, hamburguesa de polbo, pizza de polbo, tortilla de polbo, polbo á grella -só, con cachelos ou con grelos-. E así ata 32 referencias. Comida saborosa, rápida, ben servida e non demasiado cara, tendo en conta que o polbo vai máis polas nubes que polas rías.
Comezou a gañar cartos e abriu outros dous locais, en Vigo e A Coruña, hai algo máis dun ano. Tamén foille ben nestes. Entón Pepe pensou que tiña que aproveitar a conxuntura e medrar moi rápido, antes de que outros puidesen seguir o seu modelo de negocio e gañarlle a partida.
Investiu todo o que tiña e máis, ademais dos aforros da súa familia e dalgúns amigos, en abrir novos locais, dentro e fóra de Galicia. En case todos os locais o negocio medraba, pero comezou a ter dificultades para dispoñer do polbo suficiente. Houbo algúns problemas de subministración que axiña empezaron a ser moi frecuentes. O polbo está cada vez máis demandado. Antes era algo moi noso, case só galego, polo menos no consumo, pero agora todo o mundo e en todas partes quere polbo, así que pescan e comen o que teñen nas súas costas e que antes nos vendían barato.
A escaseza de polbo causoulle non poucos problemas a Pepe, sobre todo tras a gran expansión do negocio. Como estratexia, comezou a negociar cos provedores habituais un intercambio de accións, chamémoslle así, aínda que en realidade ningunha destas empresas cotizaba en bolsa. Pepe facíaos socios da súa empresa e viceversa. Unha estratexia circular, que non hai que confundir coa economía circular. O caso é que deste xeito Pepe asegurábase a materia prima e os outros chegaban ata o final da cadea de valorización dos octópodos. Claro que a estes interesáballes vender o polbo o máis caro posible e a Pepe pagalo barato. O negocio circular non era redondo, polo tanto, e as cousas comezaron a tensarse.
Conseguir polbo volveuse máis difícil e caro, así que Pepe comezou a construír naves cheas de conxeladores para poder acumular grandes cantidades de polbo en épocas de abundancia. A idea era sortear as vedas e as épocas de carestía e de prezos máis altos. Pero non pensou na enorme cantidade de enerxía que precisaría para tanto conxelador, así que tivo a metade deles parados e a outra metade consumindo máis que o suposto aforro que lle ían proporcionar.
Cada vez tiña menos polbo, máis caro e de peor calidade. Subiu os prezos e, ademais, escatimaba tanto o cefalópodo nos pratos que tivo que eliminar da carta o carpaccio de polbo, xa que aos clientes costáballes atopalo no prato.
Non busquen en internet Pepe Polbo para ir a comer. Non é que pechase, é que todo é unha trola. Non sei explicarlles a razón desta loiada, máis aló de que sentín unha pulsión irrefreable a inventarme este conto despois de ler un artigo que explica como están a xogar a partida bolsista, de investimentos e intercambios de cromos algúns dos xigantes tecnolóxicos da intelixencia artificial e dos chips nos EE. UU. Como se di a miúdo, a realidade supera a ficción.
