Opinión | Buenos días y buena suerte
Lupe Gómez, fulgor na invernía
Toda esta neve lévame a Lupe Gómez, grande amiga, sempre fuxidía nas rúas, camiño do seu refuxio de Basquiños. Escríbín moito no pasado de Lupe Gómez, a nosa gran poeta contemporánea. Soñei que un día ela gañaba o Nobel. Logo, falamos pouco, case nada, pero ás veces me envía cartas manuscritas, fermosamente armadas como un quebracabezas sentimental, como unha papiroflexia da memoria. Lupe constrúe o origami da existencia con postais, anacos de xornais e revistas satinadas: as súas mensaxes son táctiles, as palabras son animais aniñados entre a neve. Son flores perfectas da infancia. As cartas de Lupe posúen un voo atmosférico, son paxaros azuis que tocan nas xanelas ao amencer para traer unha mensaxe secreta.
Nas últimas semanas pareceume que Lupe envorcábase nunha actividade frenética. De súpeto, unha catarata de mensaxes, a auga da creatividade desbordábase. Máis poesía, premios, traducións, participación en antoloxías, reedicións, podcasts (con Tasio e Cris Hergueta), viaxes fóra de Galicia para ler poemas. Lupe sempre me informa destes proxectos con certa timidez, como quen descobre de súpeto, e non sen dúbidas, un mundo inmenso que está máis aló das portas sacras do seu paraíso. Lupe camiña con infinito coidado e agarimo sobre estes carreiros non trazados. Lupe camiña sobre a terra ignota. É a lóxica da súa grandeza literaria a que lle levará inexorablemente á novos paraísos, mais sempre estará acendida a luz resistente da orixe. ‘Esta luz’, como chamou Gamoneda á súa poesía reunida.
Teño nas miñas mans os seus últimos poemarios. En especial, ‘A pintora, caixóns de auga malva’, o premio de poesía López Ardeiro, de Negreira, Lupe está agora nunha extraordinaria madurez creativa. Lupe alcanza agora o gran fulgor da invernía. Lupe é a poeta sobre o branco inmaculado da neve deste xaneiro que declina en ceos de chumbo, en cúpulas de aceiro. Mañá recita con Soyinka, o Nobel africano. No Dinversos de Yolanda Castaño, ela tamén no meu altar dos grandes poetas desta terra. Será un momento inesquecible, un encontro nutricio que encherá a atmosfera de electricidade e de cores intensas, de perspectivas rotas, como en María Antonia Dans.
Nas súas mensaxes, Lupe descende até o doméstico, até as súas viaxes en tren, ou a súa visita en Madrid á exposición de Maruja Mallo. Ese recital en Madrid. Ou en Barcelona: “despois de recitar sentíame plena como un bosque de orquídeas altas”. En Madrid, un paseo final polo Retiro.
Con Lupe Gómez camiño case da man, viaxo nos seus versos e nas súas palabras practicamente a cotío. A emoción dunha carta manuscrita, o origami da existencia. Hai outro poemario de camiño, que chegará no outono. Fálame do acto de mañá con Soyinka: “Eu quero recitar”. Navegar, recitar. “Gústame facer cousas con escritores estranxeiros e con outros países e idiomas”, di. “Sempre aprendo”. Nestes meses, Lupe fala dos seus encontros coas xentes de La uña rota, onde publica algunha das súas traducións (a próxima, ‘Salón de Té’, traducido por ela mesma), co seu editor e amigo, o gran poeta monfortino Antón Lopo, co que aparecerá renovada esa obra mestra da memoria que é ‘Fisteus era un mundo’. Ese libro que nos constrúe, esa arquitectura da infancia. E o seu encontro poético con Manuel Rivas, e coa memoria, sempre imprescindible, de Novoneyra e Carlos Oroza. E agora, si, mañá, voando con Soyinka. Sobre as costas inabarcables do mar da Coruña.
- Adiós a la lluvia: Galicia se prepara para dejar en casa los paraguas y pone fecha a la vuelta del sol
- Uno de los mejores panes de España se hace en Santiago: 'Un día normal aquí son 14 horas de trabajo
- Estos son todos los cortes de tráfico por el desfile de Carnaval de este martes en Santiago
- Un restaurante de Santiago conquista la alta cocina y suma su primer Tres Soles Repsol: 'Ha construido un universo propio
- Rodada en Santiago y ambientada en el Entroido gallego: así es la nueva película que llega a Prime Video
- Martiño Noriega, ex alcalde de Santiago, y su noche especial de concierto en pleno Entroido
- La autora de la novela de la que todo el mundo habla viene a Santiago esta semana
- Los residentes rechazan el sentido único en la rúa do Rego para evitar rodear O Milladoiro
