Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Negro sobre branco

Doutora en Economía

Groenlandia sen amor

É pouco probábel que, aínda que quixese remedar un título como o da obra mestra ‘Hiroshima mon amour’ de Resnais/Marguerite Duras, poidese atopar alguén que sitúe en Groenlandia un escenario humano de amor. E non por razóns de inhumanidade, senón porque alí non houbo historia de amor e o sufrimento non callou en heroico. Tiveron pouca sorte neste tempo. A poboación propia foi sometida por Dinamarca, con todos os métodos modernos e antigos, á aniquilación, asimilación e desprezo. Desde os anos 60 até os 90 do século pasado os habitantes orixinarios, os inuits groenlandeses, teñen sufrido moito e moi cruelmente, como por exemplo co programa de esterilización colectiva (en fino, contraconcepción forzada) que levou a cabo Dinamarca entre 1960 e 1990, afectando a máis da metade da poboación feminina inuit. A poboación inuit tiña unha taxa de nacementos de máis de 7 fillos por nai e pasou en 25 anos a pouco máis de 2. Aldeas enteiras sufriron despoboamento total. Así mesmo, nenos e nenas inuits foron trasladados á metrópoli con ambiente, familias e idioma descoñecido: é dicer, nun programa perfecto de alleamento programado. Foron sometidos de forma consciente á asimilación por non lle chamar aniquilación. Hoxe a pequena poboación groenlandesa (o nome que se dan a si mesmos como país é Kalaallit Numaat) ten condicións de vida dun estado de benestar danés mais con problemas de futuro tan serios como que a taxa de suicidio xuvenil (83 por 100.000 habitantes) é moi alta e medra cada ano (é 8 veces a galega, e a nosa é superior a media de España). Outro aspecto moi negativo da súa situación é o trato político recibido. No 2022 fíxose público algo que todos sabían alí: o programa de esterilización tiña como ‘elevado’ obxectivo o de contribuír á desaceleración do crecemento poboacional para que Dinamarca non incrementase o gasto en prestacións sociais. Decían os defensores que era unha maneira de aforrar fondos dun benestar custoso: vil ou infame. Mesmo mudaron a lei para impedir os pais e nais ir coas nenas ao xinecólogo para así poder, sen coñecemento nen consentimento, colocarlles un dispositivo intrauterino. Foi tal o escándalo que o goberno danés prometeu compensar a cada muller infértil pagándolle unha especie de indemnización monetaria. Supoñemos que en parte por esta razón a soa insinuación de Trump de comprar Groenlandia pagando a cada inuit unha cantidade de dólares que el consideraba substanciosa foi intepretada por eles como un atentado contra a súa dignidade. Groenlandia é no presente moi rica en pesca. Precisamente este detalle permitíulle a Dinamarca utilizar 3 votos nos organismos internacionais de regulamentación pesqueira (Organizacións Rexionais de Pesca). Neles Dinamarca contaba co voto da UE como estado membro e a maiores cun voto de Groenlandia e outro das Illas Feroe. Esta especie de argucia representativa (decoñecemos o mecanismo de xestación de tal privilexio) permite a Dinamarca xogar con vantaxe. Dinamarca conta con dúas rexións autónomas extra-territorializadas que son parte do Reino danés e para a comenencia son representación á parte. Pouco que aprender dos modélicos nórdicos. Levantado o veo da propaganda enseguida aparecen as vergonzas.

Mais aínda pode empeorar a sorte porque son ricos en minerais estratéxicos tanto no presente como no futuro. Ouro, ferro, uranio, cobre ou grafito, niobio, titanio e rodio así como algúns dos englobados na denominación común de terras raras como neodimio e praseodimio. É talmente a má sorte dos países ricos en recursos e empobrecidos: a maldición holandesa.

Tracking Pixel Contents