Opinión | TRIBUNA
Chove do revés
A choiva en Santiago de Compostela non é un fenómeno meteorolóxico, senón unha categoría do espírito, unha linguaxe coa que a cidade se comunica coas súas pedras. Porén, existen momentos nos que a física claudica ante a maxia ou o temporal, e a auga decide desobedecer a gravidade. Definiuno con precisión de politólogo e alma de observador Xosé Luís Barreiro Rivas nun encontro recente: «No Obradoiro chove do revés».
Esta afirmación, compartida entre manteis, transcende a anécdota para converterse nunha metáfora da Galicia que se rebela contra o previsible. Na Praza do Obradoiro, cando o vento «Nortés» («vento do Norte») se encaixa entre as fachadas dos Pazos de Raxoi e Xelmírez e a Catedral, a auga non cae, senón que ascende en remuíños, ou avanza nunha horizontalidade que desafía ao paraugas máis recio. É o triunfo do inesperado sobre o cotián.
Etimoloxicamente, a «choiva» chéganos do latín «pluvia», pero este fenómeno do «revés» -do latín «reversus»- implica unha volta atrás, unha inversión da orde. En galego, dicir que «chove do revés» ou «chove para arriba» é invocar o «adynaton» (unha figura retórica de pensamento consistente en esaxerar unha imposibilidade ata tal extremo que subliña a imposibilidade absoluta dun feito. Como forma extrema de hipérbole, utilízase para indicar que algo nunca sucederá, a miúdo expresado mediante frases como ‘cando os porcos voen’ ou ‘preferiría que me medre barba na palma da man’). É a expresión máxima da nosa «retranca» usada para sinalar que o mundo, ou polo menos a nosa realidade inmediata, perdeu o sentido común.
A nosa terra posúe un glosario case infinito para a auga caída. Teño localizados ata 142 termos nos dicionarios temáticos que elaborei ao longo de máis de corenta anos, algúns aquí se expoñen:
Choiva miúda, chuvisca ou persistente: Abundan as variantes para o «orballo»: «babuña», «babuxa», «barbaña», «barbuña», «barbuza», «barrallar», «barrufa», «barruñeira», «barruzo», «breca», «chuvisca», «froallo», «lapiñeira», «mexadeira», «mocalleira», «morriña», «patiñeira», «poalla», «poalleira», «zarzallo», «marmaña», «marmuceira», «marmuxa», «mirisqueira», «patañeira», «pinguenexar», «pulpizar», «choviscallar».
Choiva forte, súbita ou torrencial: Desde o golpe de auga breve ata a inundación: «ballón», «balloada», «bátega», «bategada», «bátiga», «chaparrada», «chuvascada», «chuvasco», «chuvieira», «decembrar» (chover como en decembro), «dioivo» (o diluvio), «doira», «doiro», «enxurrada», «torboada», «torbón», «treboada», «trebón», «tromba», «treixada», «cebra», «cebrina», «cifra», «ciobra», «ciebra», «zarracina».
Formas de caer ou saltar a auga: «Aballoar» (correr pola terra), «abocar» (desembocar), «augacento», «batuxar» (golpear a auga), «chapicar», «chapinar», «choupar», «escaldrufar», «xurrar» (manar).
Néboas que mollan: «Brétema», «calixe», «cegoña», «fuscallo», «mera», «nebra», «neboeira», «parruma», «pingadeira».
Pero a choiva que sobe, esa que nace do chan de granito para mollar a cara do camiñante, pertence a unha categoría superior. É unha choiva literaria, case «cunqueiriana». Don Álvaro xa advertía que a realidade galega necesita da mirada fantástica para ser comprendida.
Cando no Obradoiro a choiva viaxa cara ao ceo, lémbranos que Galicia é un lugar onde as leis naturais son negociables. É nesa anomalía, nese caos líquido que ascende, onde o cronista atopa a solidez da palabra. Se o mundo decide xirar en sentido contrario, sempre nos quedará o refuxio da memoria e a capacidade de asombro ante unha praza que, de vez en cando, decide que o ceo debe estar no chan.
- Santiago empieza a sancionar con hasta 30.000 euros a los dueños de pisos turísticos ilegales
- La ruptura sindical marca la huelga de autobuses en Santiago con el foco en una nueva reunión
- Evacuada la Comisaría de Santiago por un incendio
- Una tienda de Santiago cierra 'hasta que escampe': 'No quiero coger una depresión
- Galicia triunfa en Netflix: una serie rodada en la comunidad es la más vista del último año... y no es 'Animal'
- Aplazada la huelga indefinida de autobuses en Santiago, aunque sigue sin haber acuerdo
- La carrera por el Rectorado de la USC se decidirá entre Crujeiras y Flores
- Tres locales de Santiago donde todavía puedes tomar café desde 1,20 euros
