Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Cifras e letras

Director CiTIUS-Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (USC)

Dato mata a relato, ou viceversa

Cando hai anos iniciei esta columna dos domingos, daquela publicada só en ‘El Correo Gallego’, pero agora felizmente tamén no ‘Faro de Vigo’ e ‘La Opinión de A Coruña’, púxenlle o nome de «cifras e letras». Son profesor e investigador en ciencias da computación e intelixencia artificial, e para os académicos non hai outra maneira de avanzar con paso firme en ambas responsabilidades, docencia e ciencia, que non sexa empregando adecuadamente a linguaxe natural e a das matemáticas. Pero isto non é exclusivo da miña disciplina, senón algo xeneralizado en calquera ámbito do saber. É máis, o uso axeitado da linguaxe e da información debería ser condición necesaria para calquera exercicio profesional. De feito, xa o é, pero o será aínda máis no futuro ou significará que, no canto de avanzar, estaremos involucionando, pasando do homo sapiens ao homo ignarus.

Precisamente por iso chamoume poderosamente a atención o que dixo Feijóo en relación co tráxico accidente ferroviario de Adamuz: «O Goberno encheunos de datos para confundírmonos». Pois non me parece a min que esta sexa a mellor estratexia para confundir á opinión pública, se esa era a vontade do Goberno de España. Porén, polo que se ve, si que o conseguiu cunha parte da opinión política. Para Feijóo, que o Goberno dese moitos datos é unha estrataxema para a distracción, como a dos cebos que os avións de combate lanzan para desviar os mísiles que tentan derrubalos.

Os datos, se son certos, lévanse ben coa verdade. É máis, canto máis datos, mellor. Pola contra, é a ausencia de datos -e máis aínda os que son falsos- a que confunde ou engana. William Edwards Deming, enxeñeiro e destacado estatístico, recoñecido como un dos pais do control de calidade moderno, dixo que «sen datos, só es outra persoa cunha opinión». Unha opinión que se alimentará exclusivamente dos seus intereses, pero non en xeral do certo.

Pero a cousa non queda aí. Semella que para Feijóo cambiar os datos cada dous por tres, achegar información inconsistente ou mentir descaradamente ao trasladar a información dun suceso son simples «concrecións». Así o declarou ante a xuíza da dana ao ser preguntado polos cambios de versión que durante todo un ano estivo dando Mazón sobre o seu paso polo Ventorro e máis aló: «son concrecións na minutaxe das accións», dixo. Si, escribino ben: concrecións, non inconcrecións.

Adoita dicirse que «o dato mata o relato», e quizais por iso hai que matar o dato antes de que tome cartas en calquera asunto no que interese que, no canto de prosperar a verdade, o faga un relato de medias verdades ou mentiras manifestas. Desafortunadamente, moitas veces, cando esta é a intención, o relato despreza os datos, escóndeos ou manipúlaos ao seu antollo. Pero os datos son duros de roer e non morren, nin sequera se son sepultados. Teñen unha forma sibilina de aparecer antes ou despois, como os pantasmas nos castelos, e de atormentar a quen os enterraron en vida e nas súas declaracións.

Podería darlles moitos exemplos, pero se cadra os confundiría.

Tracking Pixel Contents