Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

Avogado

O dependentismo da Xunta fronte á Unesco

É abraiante ver como a Xunta de Galicia –instalada nese dependentismo provinciano que confunde a prudencia coa inanidade– pecha a porta a unha presenza propia na Unesco. Mentres Cataluña e o País Vasco exercen como nacións con conciencia de seu, despregando unha diplomacia cultural que procura a presenza directa en París, San Caetano prefire seguir no soto da historia, agardando a que Madrid lle dea permiso para respirar.

Esta negativa non é unha anécdota administrativa; é unha renuncia estratéxica que nos condena á invisibilidade. Cataluña e Euskadi entenderon hai décadas que o mundo non agarda por quen non se presenta. A súa petición para integrarse como membros asociados ou a medio de delegacións permanentes na Unesco non é unha boutade identitaria, senón un exercicio de intelixencia política. Mentres, Galicia mira de esguello con ese complexo de inferioridade institucional que caracteriza aos gobernos do PP dende 2009, autoimpoñéndose un teito de cristal ao que o noso Estatuto non nos obriga.

O custo de oportunidade desta submisión voluntaria é moi potente. No ámbito da promoción cultural a perda de peso na xestión do proxecto Ribeira Sacra –e semellantes– como Patrimonio da Humanidade, canda a nula promoción exterior da nosa lingua e cultura como activos universais. Na economía exterior fanamos a «Marca Galicia», pois que Unesco é un distintivo de calidade que atrae un turismo de alto valor engadido e desestacionalizado. Na acción exterior estamos a renunciar á acción paradiplomática, Se non estás onde se deciden as políticas culturais e educativas do futuro outr@s haberán decidir por ti.

A negativa a sermos parte de noso na Unesco supón rexeitar que Galicia actúe como un suxeito político internacional. Perde Galicia a oportunidade de liderar a lusofonía cultural dende un status propio e perde a nosa economía a posibilidade de vender algo máis que «paisaxe e gastronomía»: a nosa capacidade de sermos referentes en sustentabilidade e preservación recoñecida internacionalmente. O PP –e o PSOE que lle ofreceu este status a Cataluña e Euskadi e non a Galicia– prefiren ser periferia antes que unha nación europea.

O Goberno galego rexeitou nesta opción manifestando desaqueladamente que o Estado español « xa nos representa». Mais o Estado defende os intereses xerais do Estado, que nunca son os galegos. Nomeadamente os intereses do castelán no mundo. . Se Galicia estiver na sede da Unesco en Paris defenderíamos ferreñamente fondos para o galego como lingua minorizada, mentres que os representantes do Estado verían sempre os problemas das linguas minorizadas como cuestións folclóricas ou incómodos problemas de xestión.

A negativa da Xunta non se sostén sobre unha carencia de competencias, senón sobre unha interpretación restritiva da nosa arquitectura institucional. O noso Estatuto recoñece que Galicia poderá realizar actividades de proxección exterior en materias da súa competencia. Galicia ten competencia exclusiva estatutaria en cultura, patrimonio e na promoción da lingua, polo que a vixente lexislación estatal de acción exterior, de 2014, clarexada xa polo Tribunal Constitucional, dálle competencias para exercer na acción exterior as devanditas competencias exclusivas, mesmo a medio da apertura de delegacións exteriores e da participación en organismos internacionais.

Ao abeiro do marco xurídico-político actual temos dúas opcións para partillarmos na Unesco: I) o status de membro asociado do que desfrutan xa Flandres ou as Illas Feroe ou II) o status dunha delegación permanente propia dentro da representación permanente do Estado español, como desenvolve Quebec por acordo bilateral con Canadá. Ferramentas legais, xa que logo, hai abondo.

É paradoxal que a Xunta prefira ser o parente pobre que agarda polas faragullas da mesa estatal antes que o actor que senta á mesa internacional para defender o seu. Rexeitar estarmos na Unesco por dereito propio é dispararmos no pe dos nosos intereses culturais e económicos.

Tracking Pixel Contents