Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Negro sobre branco

Doutora en Economía

A muralla de Lugo

En Compostela fálase pouco de Lugo, é como se se vivese de costas a Lugo. Semella que queda moi lonxe ou que ficou lonxincua. Non obstante, no século XX, e con maior profusión desde os ‘60, a Universidade, o Hospital e a administración pública autonómica nutríronse de lucenses en cantidade e calidade moi notábeis (deixo en notábel para non ter que pedir escusa, dada a miña nacenza). Mesmo poderíamos aseverar que se fosen eliminados ou desterrados os lucenses de Santiago, podería ficar decimado, en moitos campos. O sentir popular compostelán sitúa, no ideario vulgar, Lugo na montaña, no lugar das neves, nun sitio ao que nunca fomos, ou no lugar do botellón “Arde Lucus” ou no polbo do San Froilán. Como en todos os esquemas estereotipados, pouco coñecemento ha vir asociado a tales cadros tópicos e reducionistas, mais funcionan e seguen vivos. Hoxe lembramos Lugo por un feito destrutivo e penoso: o dun anaco do adarve da muralla romana nunha zona interior e moi pegadiña á traseira do edificio da USC na praza de Pío XII: fachada sul da Catedral, Vicerreitorado da USC en Lugo, algunhas casas e dous pazos. Unha vez coñecido o acontecido, todas as opinións coinciden en dicer: era visto, así como tamén en informar que o derrube produciuse nun pano que ten sido obxecto de reparación en época actual: non era orixinal romano. Dito o cal, quedamos totalmente tranquilas. Os romanos sabían facer murallas, pontes, quintas, casas, acuedutos, cloacas, anfiteatros, termas, complexos fabrís, estabelecementos de salgadura, mercados, faros, obeliscos, vías... e todo o que se propuxeran. Proba de que sabían facelo é que as súas obras materiais permaneceron durante máis de vinte séculos e seguimos mirando e admirando.

A muralla de Lugo pasou por moitas mans no referido á propriedade, uso, coidado, mantemento e responsabilidade na recuperación de danos. Cando o propietario era o Bispo de Lugo, señor da cidade, do castelo e da muralla, tiña a ben “delegar” a súa obriga de coidado e mantemento nos inquilinos que tanto na parte interior como na exterior da muralla construían vivendas ou negocios. Era o servizo feudal de castelaría. Os inquilinos pagaban a súa renda e contraían a obriga de arranxar os destragos producidos na obra propriedade do bispado, así como o mantemento obrigatorio e prefixado polo mesmo. O proprietario tiraba dúas fontes de renda da muralla: os alugueres e máis as reparacións -á forza- realizadas polos inquilinos. No momento presente, sabemos que a Muralla de Lugo é propriedade da Xunta. Semella que é unha carga moi pesada porque se observa mal mantida -fóra de pensar que este accidente se deba a iso e non á trapallada de obra post-romana-, mal coidada ou descoidada ou, mesmo, se queremos, un pouco abandonada. Certamente coa disposición que hai no manexo de fondos para este tipo de patrimonio poderíamos entender que sexan escasos o coidado, a atención e a preservación. Non obstante, esa mirada é cativa e non se corresponde coa responsabilidade pública de coidar ese monumento e de ser quen de facer legación do mesmo para o futuro en condicións óptimas. Todo é cuestión de prioridades: de sabelas estabelecer, de ordenar fondos, ter plans de medio e longo prazo e contar cos cidadáns, tanto galegos como visitantes foráneos, para o seu mantemento. Na marca de prioridades seguramente pódese dar unha gran discusión se nos atemos a opinións ou valores subxectivos. Mais estamos convencidas de que hoxe non hai -como houbo no pasado- ningún terrícola que defenda que se deixe caer ou tirala. Por iso, só hai unha saída: conservala da mellor maneira posíbel.

Tracking Pixel Contents