Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Negro sobre branco

Doutora en Economía

O disfrace que non era tal

No Antroido publicouse unha imaxe dun señor conselleiro utilizando como disfrace un traxe de muller; alguén con moi pouca fortuna chamou de «gallega». Si, ha ser así, en español, xa que por unha pirueta metonímica confúndese o traxe coa persoa. Alguén dixo que lle parecía unha provocación. A min provócame escreber estas liñas que son máis ben de pena ou de consello ao conselleiro (valla a redundancia) que de desaprobación. Si, o antroido é para iso, para se disfrazar. Mais, como pasa en todas as relacións sociais-quizais salvo n’ A esmorga de Blanco Amor-, hai unhas regras consuetudinarias, non legais, mais con forza de norma, que son comunmente respeitadas polos cidadáns. E é precisamente o feito de seguilas o que consolida a base da cultura dun pobo. Poñámonos no contexto. Lalín, sábado de antroido. Hai unha convocatoria civil, non institucional (da asociación cultural O Naranxo), denominada o ‘vermú das señoritas’, que recrea con homes vestidos diso e mulleres de homes, con certa ansia de elegancia, aínda que ridícula, unhas damas en acción de aperitivo urbano. A festa por sorte non é institucional, non depende de nengún organismo público, non hai desfile nen competición, trátase da farsa das «señoritas» saíndo antes do xantar. A regra é bordear o ridículo comezando por rir en primeiro lugar dun mesmo (o home adamado) e despois facer rir aos demais. O contexto está ben definido e claro: é unha antroidada. Vale todo. Menos o que non ten graza, nengunha, porque non fai rir a ninguén. Agás que fose un ensaio para unha acción a serio, posterior. Dise que non hai nada mellor para conseguir o éxito dunha misión complicada que ensaiar primeiro, para que no momento da acción definitiva non haxa lugar a sorpresas ou ter que botar man da improvisación. Tamén se adoita dicer que, na representación do rol feminino con homes disfrazados, cumpriría resaltar aquelas características do corpo feminino que non están ao alcance dun home. Lembremos aquí a imaxe de Tony Curtis e Jack Lemmon con zapatos de taco, mal camiñando pola plataforma da estación de Chicago. O director que ben sabía o que facía fixa un primeiro plano dos homes escarranchados nos seus zapatos para a continuación amosar o dominio de Marilyn Monroe camiñando como unha bailarina nun escenario. Ao señor conselleiro faltoulle graza e co vestido da Sección Feminina de Falanxe que levaba posto faltáronlle uns elementos indispensábeis: uns zapatos con taco e medias ao uso e ter que andar un pouco comprometido; un xustillo para saber o que é unha cintura de avespa e o pano na cabeza, ben colocado, non de bufanda no pescozo. Primeira condición: sofrer un pouco; segunda, facer o ridículo, rir de si mesmo, e terceira, coa teatralización oportuna, facer rir aos demais.

Seguramente, o traxe utilizado, o remedo do tradicional que popularizou a Sección Feminina, non dá para moitas alegrías, non representa traxe tradicional nengún e estaría ben no facer dunha autoridade galega respeitar as investigacións e alcances que en etnografía se teñen feito desde a época do Seminario de Estudos Galegos e continuados hoxe por asociacións culturais privadas de merecemento recoñecido internacionalmente.

No contexto lalinense son as chamadas «señoritas» as protagonistas, non as labregas en traxe decotío, ou de feira, ou de festa ou de voda. Non é unha escenificación do século XIX. En fin, como ensaio quedou penoso, non deu para adoptar -grazas ao traxe- a condición do que nunca será o conselleiro, acto falido, polo tanto. O sr. Conselleiro nunca será muller. E non vai adquirir polo traxe a condición de «gallega».

Tracking Pixel Contents