Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Res Pública

Director do Foro Económico de Galicia

Empresas que engaiolan

Nun mapa económico que durante décadas situou Galicia na periferia, hai empresas que levan tempo desafiando esa realidade. Inditex, Estrella Galicia, Coren, Plexus, Delta Vigo ou Jealsa —media ducia de nomes abondo coñecidos, poderiamos citar aquí cinco ducias sen moita dificultade— compiten en mercados globais sen renunciar a ter aquí a sede e o centro de decisión. E iso importa por dúas razóns.

A primeira é material. Que o núcleo da actividade estea en Galicia significa emprego cualificado, cadeas de provedores locais, investimento sostido, impostos que quedan preto e, sobre todo, capacidade de arrastre. Unha grande empresa non só fabrica ou vende: crea ecosistemas. Forma persoas, esixe servizos avanzados, impulsa loxística, tecnoloxía, deseño, internacionalización. Onde hai un motor así, é máis doado que xurdan outros proxectos arredor.

A segunda razón é máis silenciosa, pero igual de decisiva: a psicolóxica. Estes casos son demostracións palpables de que desde Galicia se pode facer moi ben as cousas, con estándares de excelencia mundial. Son unha vacina contra o derrotismo e a idea, tan instalada, de que o mellor sempre está fóra. Ver triunfar a quen mantén raíces aquí motiva, ilusiona e abre imaxinarios: se se puido unha vez, pode repetirse.

O reto é non só celebralos. É tomar nota. Aprender da ambición serena, da perseveranza e do longo prazo que adoitan caracterizar as empresas familiares. E apostar polos nosos propios proxectos con máis confianza, máis profesionalidade e menos medo. Galicia non é só lugar de partida: tamén pode ser lugar de chegada. Non somos menos que ninguén.

Tracking Pixel Contents