Opinión | TRIBUNA

Deputada do PSdeG
Galicia perde pulo
Galicia ten condicións naturais e industriais para liderar a transición ecolóxica, mais leva anos perdendo posicións pola xestión errática do Partido Popular na Xunta. Tras dezasete anos de goberno, o sector eólico acumula arredor de noventa parques paralizados xudicialmente, moitos por motivos medioambientais. A iso súmase un plan eólico con case tres décadas de antigüidade, incapaz de responder aos retos tecnolóxicos, ambientais e sociais actuais.
Desde o primeiro momento da presente lexislatura, o PSdeG tendeu a man ao Goberno galego para acadar un gran Pacto de Industria e Enerxía para o país, que permitise fixar unha folla de ruta compartida, estable e con participación do sector e do territorio. Porén, a resposta foi a soberbia e o desprezo, sen vontade real de dialogar nin de explorar acordos estratéxicos.
Lonxe de actualizar o marco vixente, o Executivo galego optou por introducir cambios a través da lei de acompañamento dos orzamentos de 2025, un instrumento que permite modificar normas pola porta de atrás. Entre as medidas incluídas figuraba a posibilidade de autorizar parques fóra da planificación vixente sempre que cedesen a súa enerxía a industrias elixidas discrecionalmente polo Consello da Xunta. Esta fórmula abría a porta a decisións políticas sen concorrencia competitiva nin garantías ambientais, xerando máis inseguridade xurídica.
A maiores, a norma obrigaba ás empresas a repotenciar instalacións baixo ameaza de perder autorizacións, sen ofrecer estabilidade regulatoria. O Goberno de España recorreu estes preceptos ante o Tribunal Constitucional, ao considerar que vulneraban o marco competencial e a seguridade xurídica. As mesmas regras rexen para o Goberno Galego e o Español. Desde entón, o PP inventou unha campaña de confrontación, asegurando que o Estado copiaba a súa proposta de repotenciacións mediante un Real Decreto.
Porén, o enfoque estatal é substacialmente distinto. O decreto non impón a repotenciación, senón que a incentiva e define conforme á Directiva europea de renovables, con diagnóstico, obxectivos e diálogo co sector. O propósito é modernizar o parque eólico, definir unha folla de ruta, mellorar a eficiencia do sistema, apostar pola reciclaxe das palas substituídas e atraer investimento con regras claras.
Fronte a esa planificación ordenada, a Xunta respondeu con ruído político e mensaxes que presentan o conflito como un ataque a Galicia. Con todo, a realidade é que a inseguridade nace das decisións improvisadas do propio Goberno galego. Mentres o Estado procura desbloquear proxectos e ofrecer estabilidade, a Xunta mantén un modelo opaco e sancionador.
Galicia corre así o risco de perder oportunidades industriais, emprego cualificado e liderado enerxético. A transición ecolóxica esixe seriedade, planificación estratéxica e diálogo permanente co territorio e co sector. Sen esas condicións, as renovables convértense nun foco de conflito en vez dun motor de progreso. No PSdeG, seguimos pensado que o país precisa recuperar credibilidade, actualizar o seu marco normativo- non parches- e apostar por unha boa gobernanza enerxética por riba da confrontación partidaria e estéril. Nós seguiremos tendendo a man para acadar o pacto que Galicia precisa.
- Sirat', del gallego Óliver Laxe, suma un premio clave en su camino a los Premios Oscar 2026
- Viajar en coche de Santiago a Vigo o A Coruña por la AP-9 supera el coste de un vuelo de ida y vuelta a Barcelona
- Alivio' de los precios de la gasolina en Santiago: la mayor liberación de la historia de reservas de petróleo por parte de la AIE ya se nota en los bolsillos de los compostelanos
- Tiendas de pesca de Galicia apuran las ventas ante la inminente apertura de la temporada de río: 'Esta semana es una fiebre
- Una calle que da acceso a un centro sanitario en el Ensanche de Santiago permanecerá cortada al tráfico este sábado
- Rosa Crujeiras se convierte en la primera rectora de la USC en sus 531 años de historia
- Pescadores y cazadores gallegos podrán usar la licencia interautonómica en diez comunidades a partir de 2026
- Muere Antón Louro, figura clave del PSdeG en la llegada de Touriño al poder