Opinión | Tribuna

Director de IGAXES
Por unha cultura de paz
Temos tendencia a pensar que o grave é o excepcional. Que o problema está nas agresións explícitas, no titular que ocupa portadas, na estatística que dispara as alarmas. Pero a pregunta incómoda é outra: que grao de violencia estamos dispostos a considerar aceptable? En que momento unha burla deixa de ser “unha broma” para converterse nunha agresión?
A normalización da violencia é un camiño perverso. Avánzase por el case sen decatarse, paso a paso, ata que o intolerable pasa a formar parte da paisaxe cotiá. Pero hai tamén unha boa nova: ese camiño pode percorrerse en ambos sentidos.
Nun contexto social marcado pola polarización dos discursos, pola agresividade que se amplifica nas redes sociais e polos enfrontamentos constantes no espazo público, esa normalización reprodúcese tamén nos centros educativos, nos grupos de WhatsApp e nas relacións entre iguais. Por iso é tan importante actuar cedo: porque o cambio é moito máis sinxelo e eficaz nas primeiras etapas da vida.
A adolescencia é o momento no que ensaiamos as formas de vincularnos que despois proxectaremos na vida adulta. Nesa etapa apréndese que significa querer, discutir, reconciliarse ou poñer límites. A experiencia que acumulamos no traballo socioeducativo en centros educativos amósanos que moitas mozas e mozos chegan a normalizar ideas preocupantes: que querer é controlar, que ter sentido do humor é humillar ou que desaparecer sen explicación é unha maneira lexítima de xestionar os conflitos.
Mais tamén sabemos algo fundamental: cando se traballa co alumnado na identificación da violencia —mesmo nas súas formas máis sutís— é posible frear esa escalada. Dar nome ao que acontece permite cuestionar condutas, revisar aprendizaxes e construír relacións máis sanas e respectuosas.
Porque a violencia non aparece dun día para outro. Instálase pouco a pouco. Comeza cando unha broma ofensiva se minimiza, cando un comentario despectivo se relativiza, cando o costume do insulto nas redes invisibiliza a agresión. Nese terreo fértil medran os discursos de odio, que atopan nas dinámicas virais o combustible perfecto para amplificarse.
Cando isto sucede, falar de violencia estrutural parece esaxerado e moitas desigualdades dilúense no cotián. Non sorprende entón que parte da mocidade chegue a negar que existan.
Por iso non abonda con reaccionar cando aparecen os casos máis graves e visibles. A prevención comeza moito antes, cando os sinais aínda parecen “cousas de nenos”.
Precisamos dotar ao alumnado e aos centros educativos de ferramentas compartidas para entender que é a violencia en todas as súas formas, tamén nas máis invisibles. Unha linguaxe común para identificala e protocolos claros para afrontala. Só así poderemos transformar, pouco a pouco, unha cultura de tolerancia á agresión nunha verdadeira cultura de paz. n
- La Xunta anuncia una nueva oferta de empleo público con más de 800 plazas de libre acceso
- El ascensor que vuelve a poner a Santiago en la élite de la arquitectura mundial
- Luz verde al nuevo barrio de Mallou: la Xunta impulsa el suelo para 3.600 viviendas en el norte de Santiago
- De Arzúa a 'La Isla de las tentaciones': esta es la nueva pareja que se une al popular 'reality' de Mediaset
- Santiago se queda sin aeropuerto 35 días: fechas, motivos, alternativas y el impacto económico
- Un popular influencer gastronómico se rinde a un restaurante 'de pueblo' a media hora de Santiago: 'Va a ir a tu lista
- Parece un cuento de hadas y está a 1 hora de Santiago: el bosque gallego con casas de gnomos y un tipi indio para pasar la noche
- Un autobús atascado colapsa el tráfico en el periférico de Santiago durante más de dos horas