Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Res Pública

Director do Foro Económico de Galicia

O impacto fiscal dos inmigrantes

Nos últimos tempos teño lido dous informes sobre o impacto económico e fiscal da inmigración en España. Un, elaborado polo Consejo Económico y Social (CES) de España, que dirixe o galego Antón Costas. O outro, publicado pola Fundación Disenso, próxima a Vox.

O punto de partida do CES é que a inmigración é hoxe unha realidade estrutural, con efectos sobre a demografía, o mercado laboral, a economía e a cohesión social. Desde esa perspectiva ampla, recoñece a súa contribución ao crecemento da poboación, á creación de emprego e ao sostemento da actividade. E tamén explicita a existencia de tensións en determinados barrios e servizos públicos, que temos que abordar como Sociedade.

O informe da Fundación de Vox vai por outro camiño. Moito máis estreito. Constrúe unha simulación fiscal sobre perfís moi concretos, asociados a salarios baixos e traxectorias laborais case inmóbiles. Dela extrae unha conclusión xeral e negativa: a inmigración ten un custe fiscal neto elevado para os españois. Nese exercicio desaparecen cuestións como a heteroxeneidade dos perfís migratorios, a comparación cos nacionais de renda semellante, a mobilidade laboral ascendente, a mellora salarial co paso do tempo ou a integración das segundas xeracións. En suma, desaparece case todo o que importa para facer ben os números.

O debate sobre inmigración admite discrepancias, por suposto. O que non debera admitir é a caricatura. O CES tenta iluminar unha realidade complexa. Vox simplifícaa ata facela útil para o seu relato.

Como lembraba o politólogo Jonathan Rodden da Universidade de Stanford esta mesma semana en Santiago de Compostela na conferencia internacional promovida polo Foro Económico de Galicia, IDEAGOV e a USC, eses relatos que demonizan ao outro e que alimentan a polarización e o odio entre bloques están na base do debilitamento da democracia que estamos a ver en non poucos países.

Non vale todo.

Tracking Pixel Contents