Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | NEGRO SOBRE BRANCO

Doutora en Economía

As cousas ben feitas

Otero Pedrayo/Carvalho Calero

É a primeira vez que podo escreber sobre Charo Babío despois de que cada 19 do mes que pasa, volva rememorar que tal día, o 19 de Novembro pasado, morreu. E é a primeira vez que ao asistir a un acto tan ben feito e de resultado redondo poda, lembrándoa, facer eu tamén unha homenaxe. Charo non é que fose, como se adoita cualificar a certas persoas, como perfeccionista, é que só facía cousas que estaban ben feitas. O pracer intelectual de compartir a súa amizade e a súa brillantez lóxica facía que ti tamén sentises vergoña allea das cousas mal feitas, atrapalladas ou simplesmente para saír do paso. Partillamos a ansia de necesitar ver o país que avanza porque debe e pode, e non porque é a corrente dos tempos. A capacidade lóxica e a razón están tamén para ser impulso dunha vida con aspiración a ser boa. Vaia con estas palabras a miña lembranza cariñosa, moi semellante a un presente continuo.

Asistín o pasado día 18 a un acto académico na sede do Parlamento Galego e fiquei con tal sensación de pracer intelectual que non resisto sen facer un breve relato para poder, deste modo, partillalo cos amábeis leitores desta miña colaboración. No marco do declarado Ano Oteriano (Don Ramón Otero Pedrayo), asistimos a tres palestras que observaban o homenaxeado na súa relación con Carvalho Calero. A coordinación académica e responsabilidade de organización estivo a cargo de María Pilar García Negro na súa calidade de analista de prestixio recoñecido en literatura galega. O prisma escollido permitiunos entender como resistencia o que, baixo outra consideración, non iría máis alá dunha relación entre intelectuais. Ficou en evidencia que o interese común manifestado foi manter acesa a vida do país por riba e por fóra da gaiola da ditadura. Foi de feito o exercicio práctico máis notábel -e silenciado- de exercer cidadanía como se nunha situación normal se vivise. Os protagonistas deste acto ditaron conferencias en galego, fixeron/dirixindo teatro escolar en galego, escrita e publicación en galego, relación epistolar en galego..., en ámbitos, si, reducidos, e aínda por riba silenciados ou censurados, pero vivos. Con moita máis forza e capacidade do que noutras nacións do Estado se realizaban actos culturais proprios, naquel tempo da negrura franquista, mais, no noso caso, con moita menor capacidade de difusión, propaganda e autoestima declarada. Aurora Marco trouxo á análise colectiva un Carvalho Calero inicial e iniciático: percorremos unha parte extensa e intensa da vida de preguerra nos planos cultural e político. Foi tal cal un anaco valioso da nosa historia vivida por un Carvalho novísimo e intensamente activo. Xosé Luis Axeitos e Manuel Castelao situáronnos na vida e vicisitudes de Carvalho nunha perspectiva non tratada -froito de investigación-: a súa inserción post represión/inhabilitación e o papel xogado por Otero nese proceso así como o rol do grupo Galaxia. Unha actuación musical con poemas de Carvalho de Pretérito Imperfeito e de Reticências, musicados por Paulo Pires e cantados por Patricia Teixeira: poesía como música. Unha mesa redonda ofereceunos unha achega triple sobre Otero Pedrayo: a relación epistolar con Carvalho, froito da investigación de Patricia Arias Chachero, ilustrounos sobre a estreita relación epistolar entre ambos. Carme Fernández Pérez-Sanjulián desenvolveu a sú tese atinente á construción nacional no discurso literario de Otero; Maribel Outeiriño achegounos ao ourensán universal Otero utilizando como materia do seu trato e das súas entrevistas con el. A xornada foi inaugurada polo Presidente do Parlamento, Santalices Vieira, acompañado do presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, e clausurada por María Victoria Carballo-Calero Ramos, catedrática emérita da Universidade de Vigo e filla de Carvalho Calero, e o Presidente do Parlamento, Santalices Vieira.

Tracking Pixel Contents