Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Olladas ao país

Avogado

Un sistema eléctrico centralista, inxusto e inviábel

O «cero enerxético» sufrido o 28 de abril de 2025 non foi un accidente fortuíto, senón o síntoma definitivo dun modelo esgotado. As investigacións posteriores e as teses do profesor Fernando de Llano (UDC) coinciden na diagnose: o sistema eléctrico español, deseñado baixo premisas centralistas do século pasado, é hoxe tecnoloxicamente ineficiente e socialmente inxusto.

O informe da axencia da UE ENTSO-e ven de considerar que o apagamento debeuse a unha «inestabilidade de tensión por oscilación de baixa frecuencia» que o sistema, pola súa excesiva centralización e falla de flexibilidade, non puido absorber. Contrariamente aos prexuízos amosados por algúns de primeiras, as enerxías renovábeis non foron as culpábeis. De feito, o sistema contaba con inercia dabondo, mais as trabas regulatorias impediron que as plantas eólicas e solares axudasen estabilizar a rede.

Este fallo técnico derivou nunha situación de «modo reforzado» que aínda hoxe encarece a nosa factura. Para evitar novos sustos, o operador do sistema (Redeia) prioriza agora a seguridade sobre a eficiencia, mantendo centrais de gas «ao ralentí» cun sobrecusto que o consumidor doméstico paga con case 5 euros extra ao mes. O máis paradoxal é que, mentres territorios como Andalucía ou Castela-A Mancha achegan inestabilidade pola súa alta xeración solar sen baterías, o noso país actúa como unha áncora de seguridade grazas á súa flexibilidade hidroeléctrica.

De Llano afirma que o actual deseño estatal, operado dende Madrid, responde a un modelo político-económico da ditadura que vertebrou o Estado para que uns territorios asuman os custos mentres outros consumen a enerxía. Galicia é o exemplo máis sanguento desta disfunción: somos un territorio excedentario que produce un de cada catro MWh de orixe hidráulica en España, pero recibimos as migallas do investimento estatal en transporte (só un 1% fronte ao 35% das illas baleares ou canarias ou case o 26% Madrid ), que acada os 1000 M€/ano.

A inxustiza é evidente ao analisarmos os tempos de recuperación tralo apagamento. Galicia, sendo produtora, tardou até 18 horas en recuperar a luz, mentres que Madrid, un nodo puramente consumidor, facíao de xeito prioritario. Como sinala De Llano, o deseño actual non atende á proximidade: a electricidade viaxa miles de quilómetros para que os territorios ricos non deixen de selo, mentres os produtores soportamos as externalidades ambientais sen ningunha caste de beneficio.

A solución ás devanditas evidencias non é un parche regulatorio, senón unha fonda remuda de paradigma, a medio da creación dun subsistema eléctrico galego interconectado, similar ao modelo europeo onde cada Estado funciona de xeito autónomo e solidario. Isto permitiría abandonar o inxusto «código postal único» na factura eléctrica.

Cómpre, neste senso, lembrar a necesidade da tarifa eléctrica galega. Se o noso país ofrece seguridade e enerxía barata ao sistema estatal, a economía galega ha recibir axeitada compensación. Un subsistema propio permitiría aplicar sinais de prezo que atraian investimentos industriais, compensando o esforzo ambiental xerador e eliminando a penalización histórica que sofren os nosos fogares e empresas.

O apagamento de hai case un ano demostrou que a soberanía enerxética e a seguridade real pasan por descentralizar, empoderar aos territorios produtores e recoñecer, dunha vez por todas, que Galicia non pode seguir a ser a batería do Estado, pagando a luz máis cara e sendo a última en recuperarmos a subministración cando o sistema falla.

Velaí tamén a importancia de garantirmos a plena independencia do TSXG, (arestora ameazada polo traslado forzoso dos seus maxistrados Luis Villares e María Dolores López) como derradeira garantía para que a produción eléctrica non supoña o sacrificio do noso territorio e das nosas comunidades locais.

Tracking Pixel Contents