Opinión | Olladas ao país
Pola autonomía aeroportuaria galega
A situación de parálise e progresiva perda de conectividade que sofren os aeroportos galegos non é froito do azar, nin sequera de fatalidades de mercado. É, fundamentalmente, a consecuencia directa dun modelo aeroportuario, o de AENA, que se erixe como o máis centralista, opaco e ineficiente do mundo desenvolvido. Galicia, no seu conxunto, permanece cativa dunha xestión pensada por e para a macrocefalia de Barajas, mentres o noso tecido económico e social asiste, entre a frustración e a impotencia, ao desmantelamento de rutas estratéxicas.
O diagnóstico que emana das nosas cidades é unánime na súa preocupación, aínda que diverso nos seus matices. Na Coruña, o tecido empresarial e social ve con alarma como Albedro, pulmón necesario para a proxección internacional de Inditex e do sector servizos, perde folgos. En Vigo, Peinador sofre a drenaxe constante cara ao sur, nunha competencia asimétrica onde a falla dunha estratexia propia nacional nos condena. Mentres, en Compostela, Rosalía de Castro-Lavacolla non acaba de exercer como o grande hub internacional que Galicia precisa, lastrado por unha nula coordinación. O Consorcio de Turismo de Galicia e as cámaras de comercio galegas coinciden que a falla dun mando único en Galicia e a competencia fratricida incentivada dende Madrid impiden unha oferta complementaria que nos faga fortes fronte ao exterior.
Dende unha perspectiva de afirmación do noso autogoberno, requisito do noso benestar, sostiven sempre que a solución non pasa por parches, senón por un cambio de paradigma político e xurídico. A transferencia inmediata das competencias aeroportuarias á Xunta de Galicia, ao abeiro das leis orgánicas de transferencia previstas para o caso na Constitución, é unha necesidade de supervivencia económica. Este novo modelo debe alicerzarse nunha Autoridade Aeroportuaria de Galicia que exerza a tutela estratéxica, mais garantindo a a participación de cadanseus concellos atinxidos nunha xestion consorciada que recoñeza a autonomía de cada aeroporto na xestión da súas estruturas e servizos (restauración, handling. aparcadoiro...). Cada un dos tres aeroportos galegos aprobaría cadanseu plan de negocio e captación de operadoras, fuxindo da rixidez de tarifas e slots que impón AENA para beneficiar o seu balance global. Galicia precisa que os seus aeroporto partillen unha estratexia de país onde a especialización evite a duplicidade estéril.
Porén, o futuro da nosa mobilidade non se esgota nas pistas de aterraxe. Compre asumirmos, sen complexos, a realidade da Eurorexión. O aeroporto de Sá Carneiro, no Porto, non ha ser enxergado como inimigo a bater, senón como unha peza máis da nosa propia rede de mobilidade transfronteiriza. A conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e o Porto é a clave de bóveda que permitirá a Galicia acceder a un hub intercontinental de primeira magnitude, mentres os nosos aeroportos se especializan en conexións europeas e estatais de alto valor engadido.
Catalunya e Euskadi negocian xa arestora co Goberno do Estado a coxestión dos seus aeroportos como paso previo á transferencia .Galicia non pode seguir sendo un espectador pasivo dun sistema que extrae rendas do noso territorio para financiar a expansión da capital do Estado. Ou asumimos a soberanía na xestión das nosas infraestruturas, integrando o aire, o ferro e a realidade da Gran Galicia que chega até o Douro, ou seguiremos a ser, no eido aeroportuario, unha periferia desconectada. A transferencia dos aeroportos á Xunta é o paso previo; a intelixencia estratéxica para coordinar autonomía e interconexión será o que defina a nosa prosperidade nas próximas décadas. É tempo para decidirmos voar cara onde nós queiramos.
- Galicia sumará una tercera salida hacia la Meseta por autovía: aprobado el proyecto del primer tramo de la A-76 en El Bierzo
- La compostelana Urovesa suministrará 12 vehículos Vamtac aerolanzables al Ejército para reforzar su capacidad operativa
- ¿Qué se sabe del cadáver encadenado en el puerto de Ribeira? La Policía investiga si Amador Mos Orellán fue asesinado o se suicidó
- Un escritor gallego hace historia al ganar uno de los galardones de relatos más prestigiosos del mundo
- Santiago estrena un 'take away' de cocina palestina que ya arrasa en sus primeros días
- Una vecina de Figueiras relata el temor ante los robos: 'Tengo dos hijos que ya empezaban a quedarse solos en casa, pero ahora tienen miedo
- El vacuno de carne alcanza precios históricos en Galicia: un ternero que valía 830 euros tras la pandemia se paga hoy a 1.850
- Juan Díaz Villoslada asume este miércoles la gerencia de la Universidade de Santiago
