Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | NEGRO SOBRE BRANCO

Doutora en Economía

Envorcar leite

Soben os prezos dos combustíbeis e as centrais rebaixan o prezo de recollida do leite. A lóxica do negocio é unha. Se non hai beneficio, se non se pode seguir producindo para vender a un prezo determinado, non se continúa producindo. Cómpre parar, ou armacenar, ou vender noutros mercados ou, simplesmente, doar o armacenado para que alguén faga uso do ben desgrazado. Falamos en abstracto de bens de mercado e da lóxica de produción e venda neste sistema. Non hai emprendedores para bens sen mercado, ou sen posibilidades de crear mercado nas novas ondas de consumo. Por exemplo, a nengunha moza ou mozo emprendedor se lle ocorre un negocio de reparación de obxectos de uso habitual, e non sería por falta de demanda senón pola baixa expectativa de rendibilidade dunha empresa intensiva en man de obra para case todos os procesos. Agora ben, cando se trata de alimentos, de crianza de seres vivos, de coidado ás persoas, de labores de seguridade imprescindíbeis..., é moi difícil, por non dicer imposíbel, razoar coa lóxica do negocio.

Hai necesidades humanas que nunca serán satisfeitas desde o prisma de obtención de gaño. Non o serán. Algunhas delas, porque é imposíbel esa valoración, e noutros casos, mesmo habendo negocio polo medio, acaban sendo socialmente afuncionais. Podemos comezar a examinar a posibilidade para os pais criadores de obter beneficio coa crianza dos fillos. Só pensalo provoca risa ou sorriso. Mais o mundo académico é moito máis irracional e ousado do que podería parecer. O economista Gary Becker -da escola de Chicago e premio Nobel de Economía- tivo a ocorrencia de enfocar o estudo da economía de familia como unha unidade de produción fabril e rexida polos mesmos principios de obtención de rendas e beneficios que unha empresa (Tratado sobre la familia 1987, edición en español). Aí está, como caso do que non vale para nada, aínda que teña configuración formal homoxeneizábel con outros estudos doutras unidades de produción.

Visto desde hoxe, case é tenro pensar que alguén en serio defenda que os pais «invisten» en fillos porque despois se dedicarán a coidalos, que as esposas especializadas no traballo doméstico (sen remunerar) e os esposos no mercado laboral acadan o sumo da eficacia familiar, ou que a división sexual do traballo teña bases biolóxicas. Pero aí está, e hai aínda quen o cita (como é o noso caso!!!). Traíamos a colación esta singularidade académica para pensar en termos de economía política (ou se preferimos ética económica) que sentido lle podemos atopar ao feito de envorcar leite. Ao parecer os gandeiros atopan que esta é a forma de facer ver que non poden seguir producindo ao prezo que as centrais leiteiras pagan na súa recollida.

O problema dos custos de produción nas granxas ponse de manifesto de forma aguda cada vez soben os prezos de calquera grupo dos insumos necesarios, tanto na produción como na comercialización do leite tratado. As relacións entre os compoñentes da cadea de valor desde a produción en explotación gandeira até o consumidor final, é dicer, entre granxeiros e industria, son de tipo estrutural. Uns non teñen capacidade ningunha de alternativa -os granxeiros- e outros poden, dentro duns límites, buscar provedores distintos a máis baixo prezo. Pero a política agrícola como política económica ten o seu papel. A PAC ten tamén o seu. O Estado debe salvagardar as producións de bens esenciais como son os alimentos e a Xunta crear mecanismos para recoller a prezo fixado o leite fóra de mercado. Calquera cousa menos contemplar o espectáculo denigrante de leite envorcado como se dun resto desfeito se tratar.

Tracking Pixel Contents