Opinión
O Batallón Literario segue en pé (para construír a nosa historia)
A Fernando Cabeza Quiles, in memoriam
Para escribir esta columna debería falar máis co poeta Modesto Fraga. E co poeta Miguel Anxo Fernán-Vello. E con tantos outros. Co primeiro falo a miúdo, teño que dicilo. Aínda que sexa a través das mensaxes electrónicas. Temos o contacto que nos proporcionan os actos literarios á calor do Bela Fisterra, o niño de cultura que ten armado Pepe Formoso á beira do océano, ás portas do final (e do comezo) do mundo. O grupo de poetas da Costa da Morte é unha sorte para Galicia e para a lingua galega. Este grupo atravesa a historia. Mestúrase coa paisaxe liminal. Desde 1996. Pero tamén desde os grandes poetas da zona, comezando polo mestre Pondal. Modesto Fraga pode falar moito de todo isto. Non só porque é un dos herdeiros da enerxía telúrica e oceánica deste extremo de Galicia. Un dos gardiáns desta porta máxica. Sei ben, porque coñezo a súa bonhomía e a súa humildade, que non lle gustará nada que estea a dicir estas cousas bonitas sobre el. Preferiría un abrazo, un vermú, unha canción. Unhas palabras sen estrondo. Só a música oceánica.
Falo coa dor da morte de Fernando Cabeza Quiles. Ocorreu o pasado venres, xa entrando a fin de semana, case á vez que o Batallón Literario da Costa da Morte andaba a celebrar os trinta anos da súa existencia, en Cee. Todo sucedeu case simultaneamente. Envío a Modesto unha nota que aparecía onte na prensa leonesa, na que se lembrou ao filólogo carballés, porque Fernando nacera en Ponferrada, aínda que chegou a Galicia sendo moi pequeno, seguindo os traslados do seu pai. Modesto Fraga responde case entre bágoas, a súa mensaxe oral é un profundo lamento que eu ben podo sentir: “xa ves o que é a vida, ía estar connosco no acto do Batallón... Pero viu que facía bo día e dixo entón que ía coller a bici, e xa ves… É así. Fatalidades da vida. Viñeron todos, Andrade, Fernán-Vello, todos, pero el xa non puido vir”.
A morte inesperada de Fernando Cabeza Quiles conmocionou toda a Costa. Sacudiu Galicia, desde A Estrada, á que tamén estaba moi vencellado. Desde Ribeira. Desde Ponferrada, claro, onde coñecen ben o seu gran labor filolóxico. Hai moi bos expertos en toponimia en Galicia (penso agora no meu colega Xosé Manuel Sánchez Rei, grande amigo, entre outros), pero Fernando era sen dúbida un dos mellores. Rigoroso como filólogo, pasional coa terra e cos seus segredos lingüísticos. En plena lembranza de Otero Pedrayo, o sentido do lugar (‘sense of place’), como adoitan decir os irlandeses, adquire unha importancia singular co triste adeus ao filólogo afincado en Carballo. Por onde pasou, Fernando foi levantando o espírito dos nomes, o pasado das palabras, e foi descubrindo para nós a historia dos lugares, tantas veces agochada ou esquecida.
A festa de celebración destes primeiros 30 anos do Batallón Literario da Costa da Morte viuse tinguida polo loito do pasamento de Cabeza Quiles. Aínda que, sen dúbida, o seu poderoso recordo servirá para que esta grande aventura literaria, que levantou o pasado glorioso da escrita da zona, grazas a esa fundación no bar Macondo de Cee en 1996, un primeiro de maio (a data non é un asunto menor), alcance agora nova forza e se proxecte cara ao futuro. Nos últimos anos tiven a gran sorte de coñecer moi de preto a incesante actividade cultural que se está a desenvolver desde Fisterra e desde aquelas bisbarras atlánticas, e, xunto a outros compañeiros do Instituto Amergin da Universidade da Coruña, tiven a oportunidade de participar nela. Fico profundamente agradecido pola acollida, sempre da man xenerosa de Pepe Formoso e dos grandes amigos poetas da contorna oceánica.
Non é cousa de repetir o que tantas veces temos falado aquí. Pero alí estivemos hai unhas poucas datas, con Paddy Bushe lembrando a conexión imprescindible entre o Oeste de Irlanda e esta costa do Atlántico. Este é un continuum histórico, lingüístico e sentimental. Necesario para a vida. Todo está pleno de entusiasmo e luz nova nesta gran porta do Atlántico. A amizade abraza a todos estes grandes poetas que están a construír un gran edificio literario: polo menos, desde fai trinta anos. Non podo citar todos os seus nomes neste espazo breve. Pero abonda con ler a súa obra imprescindible. Como todos eses libros que fan medrar a cotío a Biblioteca da Fisterranía. A luz do Batallón Literario, que levou a poesía á rúa e ás praias, que fixo da beleza unha necesidade urxente como o alimento diario, vén de ser renovada. Coa tristeza do adeus a Fernando Cabeza Quiles, que se foi rodeado da natureza que tanto amaba e da paisaxe que podemos ler agora grazas aos seus traballos filolóxicos. Porque, como dicía o poeta John Montague de Irlanda, temos que recuperar a capacidade de ler a paisaxe (o sentido do lugar) coma se fose un manuscrito. O manuscrito onde están escritas todas as historias.
- La panadería con una de las empanadas más famosas de Santiago: 'Uso a mesma masa coa que fago o pan
- Extraordinarios en las aulas de Santiago: «La clave es tener un buen método de estudio y no encerrarse demasiadas horas»
- Renfe estrena este miércoles el primer AVE directo Santiago-Madrid sin parada en Castilla y León
- La instalación de dos nuevas pasarelas en la senda Milladoiro-Intermodal obligará a cortar este martes el enlace de la AG-56 con la SC-20 y la AP-9
- Santiago moviliza a 500 jóvenes para animar al papa León XIV a que peregrine a Compostela en el Año Santo 2027
- Tona Martínez, consejera de Finsa, primera mujer al frente de la empresa familiar gallega
- De la inseguridad de Perú a una nueva vida en Santiago: la regularización abre las puertas a un futuro estable para esta familia
- La desesperación por encontrar electricistas en Galicia: 'Ni con sueldos de 2.000 euros y buenos horarios conseguimos personal cualificado
