Opinión | TRIBUNA
Lito Vila Baleato
Papá, por que somos do Compos?

Afeccionados do Compos celebran un gol cos xogadores. / Nacho Castaño
Dicía a inmortal Almudena Grandes que ser do Atleti era unha forma de resistencia, un sentimento que ela asociaba coa rebeldía e o romanticismo. Posiblemente, ser do Compos non sexa un concepto moi afastado do amor que a autora madrileña sentía polo seu equipo.
Para a parroquia branquiazul esta tempada está sendo dura. Nestes días, ademais das festas da Ascensión, somos moitos picheleiros os que en Santiago contabamos con estar celebrando tamén un ascenso. Por entidade e masa social, co maior orzamento da categoría, en setembro o campionato semellaba unha obriga case por imperativo legal. Pero o fútbol non son matemáticas, e se non que llo pregunten a Florentino Pérez.
Só os máis inxenuos podían pensar que o campionato de 3ª RFEF sería para a SD un paseo, pero unha primeira volta cuns números rozando a perfección —12 vitorias, 5 empates— si convidaban a facer bo o pronóstico dun Compos campión. Na segunda volta, o camiño encheuse de toxos e o cadro branquiazul só puido sumar 27 puntos de 51 posibles. Despois dunha xornada final non apta para cardíacos, o Compos rematou tralo Arosa, merecido campión.
A decepción foi grande e malia todos os erros —que os houbo, por suposto—, non semella este o mellor momento para depurar responsabilidades. Esa análise terá que chegar, evidentemente, pero agora o que toca é apertar os dentes para intentar acadar ese ansiado ascenso. Porque o ascenso, mesmo sendo difícil, aínda é posible. Ese particular viacrucis ten tres roldas, e a primeira comeza hoxe contra o Vilalbés. Non é o momento de cargar cruces ou tirar pedras sobre ninguén; senón de recuperar o espírito de Cieza, aquel que fixo posible o milagre do ascenso en 2013. Agora, se realmente queremos apoiar ao Compos, toca estar xuntos nas malas para que poidan volver pronto as boas.
Despois dos ascensos do CompoSala a Segunda División B e do Obradoiro a ACB, en Santiago queremos crer aquilo de que non hai dúas sen tres. Se estamos xuntos, se cadra desta volta a particular Ascensión do noso Compos aínda pode chegar no mes de xuño…
- Detenido un lucense tras atropellar intencionadamente a un vecino de Bertamiráns que falleció horas después
- La política gallega, 'cerrada por vacaciones': de la ruta en moto por Portugal de Rueda a los días de Pontón en A Illa de Arousa y de Besteiro en A Mariña
- Una familia, 24 personas y 110 km: “Para mí el mérito es habernos juntado”
- Bamio despide mañana a la concejala Ana Castro, fallecida en Padrón a los 50 años
- Detenidos los miembros de una banda que robaba a personas mayores en aparcamientos de Ames con el método de 'la siembra
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- La Guardia Civil investiga como asesinato el atropello intencionado de Bertamiráns al apreciar indicios de alevosía
- Retorno a las raíces para desconectar de Raxoi