Opinión | Buenos días y buena suerte
Begoña Caamaño, tras o 17 de maio
Que Begoña Caamaño fose onte obxecto dunha moi xusta homenaxe, co Día das Letras Galegas en memoria da súa figura, indica até que punto dúas novelas, dúas (Circe ou o pracer do azul, Morgana en Esmelle), poden resultar fundamentais para a literatura en lingua galega. E como a súa proximidade, pois non hai moito tempo que tristemente nos deixou, en 2014, non mingua nun chisco a súa enorme forza creadora, quizais non suficientemente subliñada nesta década despois da súa partida, nin moito menos o que ela simboliza como tempo dun xornalismo cheo de grandeza heroica, aqueles anos, os oitenta, os noventa, nos que algúns desembocamos tamén no nobre oficio, mesmo sen pertencer a el, e que hoxe, xusto é dicilo, lembramos con certa nostalxia, coma se no camino se perderan demasiadas cousas. Coma se aquela irmandade, aquel deslizarse até moi altas horas da noite, fora xa un relato ferido pola bruma.
Afortunadamente, a figura de Begoña Caamaño regresou con moita enerxía, tanta como ela tiña. A súa gran vontade creadora, mesmo nese silencio co que concibiu Circe, en bibliotecas públicas, merece todo o eloxio. E máis aínda que o recordo ao que agora asistimos, máis aló do institucional, e da Real Academia Galega, a súa memoria aparece acompañada da amizade e do amor, e iso é máis grande que calquera lembranza literaria. Porque observo, escribindo un día despois da celebración das nosas letras, con tantos artigos xa publicados sobre a literatura de Begoña, que é o amor e a amizade, a irmandade daquel xornalismo, as sobremesas no Dezaséis, esa calor que a profesión tivo un día, o que aquí agromou como un gran manancial, por enriba de todo, por enriba mesmo desa gran reinvención súa da mitoloxía.
Begoña, Bego, foi, din os que tanto a coñeceron, begoñísima até o final, con todos os seus matices, mais, insisto, con esa gran vontade creadora que era en realidade, non se esqueza, unha empresa apaixonada pola defensa da lingua e das palabras das mulleres. Hoxe, Begoña Caamaño non só se eleva como unha creadora que compuxo dúas fermosísimas novelas de corte mitolóxico, senón que foi capaz de construír nelas un memorial extraordinario de defensa da lingua, tamén do papel da muller, longamente esquecido. A súa gran enerxía, tras este 17 de maio, transcende o literario, con ser moi grande. É a Begoña da defensa no que cría e polo que loitaba, entre o sorriso e a tenacidade dos días, esa é a escritora e a xornalista que hoxe chega até o presente. A que nos ilumina co seu azul, co voo dos paxaros que traen cartas das deusas, coa reescritura de Cunqueiro. E de Homero.
Traballei durante case dez anos con Moncho Díaz, imprescindible en Fuxan os ventos, e falamos moito destas cousas. Moncho foi tamén compañeiro de Begoña Caamaño naqueles días de Compostela nos que, como se ten escrito amplamente, a xornalista e escritora construíu unha magnífica rede, sobre todo de fermosas complicidades, e de amizade. O demais foi aparecendo, en tempos de maxia: aquela rapariga que chegaba da humildade do Calvario, en Vigo, e de Coia, dos territorios fronteirizos da gran cidade. Compostela, ao final, é o lugar no que se sustancian algúns soños. Doeume moito a morte de Moncho: segue moi nítido o recordo de todas aquelas mañás dos sábados que pasamos xuntos, nas que falabamos das súas montañas lucenses, e das chairas mesetarias, que tamén lle gustaban, e, si, de Homero. “Todo o escribiu Homero. Despois de Homero, xa nada paga a pena”, adoitaba dicir, aproximadamente. E aí estaba Moncho, quizais, reflectindo ese Homero que Begoña Caamaño deconstruía en silencio, no silencio das bibliotecas. E así apareceu o intercambio epistolar entre Circe e Penélope, e a narrativa da sororidade, que naquel tempo resultaba aínda un tanto novidosa.
Hoxe, atravesada xa a celebración do 17 de maio, non só reivindico a gran literatura de Begoña Caamaño, a súa capacidade para presentarnos os grandes mitos, a súa incrible destreza para presentarnos de novo o mundo artúrico, filtrado por suposto a través de Cunqueiro, a reinvención de Morgana, como a reinvención de Circe e de Penélope. Que podo dicir eu, que pasei a miña vida voltando unha e outra vez a esa outra reconstrución da Odisea, que é o Ulises de Joyce, e que agora contemplo con orgullo á miña filla mentres se atreve coas súas páxinas (antes tamén o fixo co poema narrativo de Homero, como cómpre facer). Alguén escribiu que Begoña debeu ler a Odisea con nove ou dez anos. Todo agroma na patria sen fronteiras da infancia. Mais, da emocionante vida de Begoña, aínda que fose inxustamente breve, o que máis retorna hoxe cara nós foron aqueles anos de rúa e xornalismo, de conversacións, amizade e amor. Nunca esqueceremos aquel azul, mesmo en tantos días de choiva.
- La panadería de Santiago que triunfa con su café con flores: 'Estamos vendiendo más flores que pan
- El restaurante más antiguo de Galicia lleva casi dos siglos abierto en Santiago: 'Fuimos ultramarinos, aserradero e incluso hicimos ataúdes
- Más de 400 vecinos disfrutan en el Cruceiro da Coruña de la primera sardiñada de la temporada en Santiago
- Esperan abrir el Pazo do Cotón en menos de 3 años: 'El proyecto hotelero más importante de Galicia a nivel de recuperación
- Vuelve la fiesta que hace viajar a Santiago 50 años atrás: verbena, juegos tradicionales, música y magia
- La compostelana Televés lanza una nueva generación de antenas preparada para la televisión del futuro y las redes 5G
- Cortizo y la UDC unen fuerzas para crear un máster que conecte universidad e industria en fachadas ligeras
- San Martiño Pinario revive el Santiago de 1976 con '50 anos aló': 'Esta festa creceu moito
