Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Negro sobre branco

Doutora en Economía

Abstencionismo por toda a parte

Temos entendido que o abstencionismo que se está tratando desde a Xunta non inclúe a propria Xunta. Se ousásemos ampliar o obxecto de estudo do abstencionismo, deberíamos incluír aquel que non se mide porque non se examina, mais o que se pode facer e non se fai, e o que non se fixo, nen hai visos de realizalo. Chamariámoslle abstencionismo en potencia. O presidente da Xunta goza dun ámbito de exercicio do seu poder realmente cativo comparado coas posibilidades a desenvolver no marco do Estatuto de Galiza, e, o que é pior, por vontade propria, xa que as posibilidades que oferece o Estatuto de Autonomía van moito máis alá das que actualmente delimitan o poder autonómico: o exercido máis o potencialmente desexábel. O campo das competencias exclusivas están inalteradas desde hai 16 anos.

Desde o comezo do século XXI, o mundo cambiou bastante, as circunstancias económico-políticas e as reivindicacións dos cidadáns, tamén. Citaremos algunhas competencias que sendo notabelmente funcionais para un goberno que se prece, non forman parte do cadro actual de obrigas do Executivo galego: ordenación do litoral na súa totalidade; salvamento mariño e loita contra a contaminación marítima no que corresponde aos vertidos; control, inspección e vixilancia pesqueira, ISM (Instituto Social de la Marina) cun número de afiliados en só tres provincias galegas que representan o 27% do total do Estado; portos dos chamados de interese xeral que son Ferrol-San Ciprián, A Coruña, Vilagarcía, Marín-Pontevedra, Vigo; xestión e réxime económico da Seguridade Social; función de inspección laboral; organismos de investigación mariña na Galiza; transferencia de competencias en materia de investigación científica; servizos de meteoroloxía; planificación, construción de obras hidráulicas en Miño-Sil no territorio galego; formación ocupacional; emprego e fundo de garantía salarial; xestión da oferta e demanda de emprego; xestión dos laboratorios públicos de referencia; xestión da inmigración...

Corresponden exclusivamente ás que atinxen á pesca, á actividade pesqueira, que, no seu sentido económico total, abranxe as actividades directamente produtivas e aquelas imprescindíbeis de coidado, conservación, mantemento e reparación dos recursos naturais, así como control doutras actividades que inflúen directa ou indirectamente nas condicións en que se desenvolve a pesca. Ao traballar con competencias limitadas sempre haberá a posibilidade de eludir responsabilidades en busca dun titular (culpábel, responsábel) cun rango superior. Semella que a mentalidade de goberno usa un intento de control total sobre unhas competencias limitadas en número, das que sempre hai maneira de eludir responsabilidades enfocando cara a un externo/superior; é a táctica de balóns fóra, e pasar como alumno mediano. Cun pequeno paquete de responsabilidades é doado non ter que dar contas aos concidadáns e votantes da marcha cotiá das cousas da vida.

A “culpa” do goberno central dá moito xogo neste momento de enfrontamento co Goberno español de coalición, mais en tempos do PP sucedía exactamente igual e nengún dos agora elusivos tiña a ocorrencia de citalo como responsábel. Nunca se fixo unha planificación no interior do goberno actual de saber co que contabamos, o que desexamos acadar, de que medios fiscais dispoñemos (plan de financiamento específico?) e como se debería executar nun período de tempo gobernativo medio: é dicer, máis alá dun período eleitoral, non para o curto prazo, senón para crear tecido político/gobernativo dun país que teña conta de si mesmo. Será abstencionismo?

Tracking Pixel Contents