Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | NEGRO SOBRE BRANCO

Doutora en Economía

Un detalle sobre o Sergas

Converter un detalle en relevante pode inicialmente ser tachado de temerario. Non se debe falar de algo do tamaño e relevancia do Sergas só por un detalle. Pero o diaño está nos detalles, polo que paga a pena examinar un deses detalles que pode dar conta dun significado que o transcende. Fixen unha reclamación por escrito no meu centro de saúde de atención primaria sobre unha non cita nun servizo hospitalario. Digo non cita porque é unha solicitude de cita a instancias dun servizo cara a outro. E, ao non ter chamada nen comunicación despois de tres meses para unha cita de consulta, realicei esa reclamación nos termos que indicaban a necesidade de entrar nunha listaxe para posteriormente ser examinada. Os datos son por tanto: un servizo diríxese a outro para indicar a necesidade dun exame con cita de consulta en primeiro lugar, xa que ao parecer está indicada unha operación. Os pasos serían: cita para consulta, consulta, indicación de operación, preoperatorio, e operación. Se o tempo transcorrido entre petición de consulta e fixación de consulta aínda non concluíu en xuño, desde febreiro, permítome botarlle o prognóstico temporal dunha espera aproximada de dous anos que debe ser o tempo de espera real que hai en casos semellantes.

Agora vén o detalle. Despois da reclamación, recibo por correo postal unha denominada «comunicación» con número (isto dá sensación de seriedade) contestada pola supervisora do servizo de Admisión, non polo servizo clínico, con tres días de diferenza entre o día de presentación e a contestación. Cando vin o sobre levei unha enorme alegría: xa contestan. Foi en van. O contido é totalmente decepcionante por baleiro: a linguaxe empregada é vouga, dunha circular multifunción, serve igual para o meu caso que para calquera outro, só aparenta se tratar dunha contestación. E por riba, despois de ler unha primeira vez e non entender nada, tiven que recorrer a unha parente licenciada en linguas varias para logralo, para descifrar o seu significado. A frase en cuestión é: «En resposta á comunicación presentada comentarlle que a citación á que vostede fai referencia está suxeita aos axustes que se fan de maneira continua nas axendas dos profesionais do servizo. As programacións das citas realízanse de xeito habitual en función das prioridades asignadas aos procesos asistenciais dos pacientes por motivos clínicos, así como pola dispoñibilidade de ocos para citacións. O servizo de XXX xunto co de Admisión, competente na xestión das axendas de programación de citas, realizan unha reorganización continua dos seus recursos co fin de atender as demandas asistenciais». Despedida e peche.

Aí me vin descifrando a miña resposta recibida, pensando que era para min. Atopei que a miña relación co Sergas iniciada cunha reclamación ficou convertida nunha comunicación, grazas á maxia da IA facendo frases baleiras e circulares. A contestación é un comentario á miña comunicación. É dicer, eu non reclamo, e o Sergas comenta comigo como se tomásemos un café xuntas. Téñome que suxeitar aos axustes (valla a repugnancia, que diría o cómico) que se fan de maneira seguida, xa que as citas prográmanse de forma habitual (quer dicer que hai outra, inhabitual) con dúas compoñentes: as prioridades dos procesos asistenciais e os ocos para citacións. En resumo: tería sido mellor que me dixeran: non figuras en ningún sitio de citas ou pre-citas. Estás no caixa do correo de espera e de aí sáese por sorteo.

TEMAS

Tracking Pixel Contents