Opinión | Res Pública
Unha Galicia en cor
Máis aló das cifras, están as sensacións. As propias e as das persoas coas que un fala. No meu catálogo sobre Galicia nos últimos tempos, salienta o positivo. Hai cousas que se están facendo moi ben. Vou referirme a cinco.
A primeira é o excelente desempeño de moitas empresas galegas en múltiples sectores, que están sendo quen de competir, innovar e gañar posicións en mercados esixentes. O libro de Antón Baamonde e Daniel Hermosilla, “Galicia, distrito industrial” ofrece a mellor radiografía deste proceso. A segunda é o salto cualitativo no sistema de I+D, impulsado polas boas políticas de apoio á investigación, captación de talento e atracción de recursos da Xunta, mais tamén do traballo que se está a facer os propios grupos e centros de investigación do sistema universitario galego. A terceira é a elección de Ferrol e As Pontes como destino para a instalación da chinesa SAIC que coñecimos esta semana. Pode ser a operación de investimento estranxeiro en Galicia máis relevante no que levamos de século, unha decisión que proxecta confianza sobre territorios necesitados de novas oportunidades industriais e que pode levarnos a ser a comunidade autónoma líder indiscutible na automoción. A cuarta é Recursos de Galicia, unha sociedade pioneira en España para aproveitar de forma endóxena os nosos recursos naturais e que ten no parque eólico de Mondigo o seu primeiro éxito. A quinta: Galicia é hoxe a única comunidade autónoma que desenvolve un diálogo social que está a abordar o problema do absentismo socialmente non desexado a carón doutros asuntos tamén relevantes.
Porén, o positivo non debera levarnos á autocompracencia. Temos marxe de mellora en moitos eidos. Voume referir só a dous. Primeiro, a ordenación do territorio. A ameaza dos lumes rurais, agravada polo cambio climático e o abandono de terras, require planificación e decisións valentes; e esa planificación tamén ten que ter en conta a presión sobre o territorio que se pode producir se Galicia gaña atractivo relativo pola alza das temperaturas nos próximos anos en España. Segundo, o avellentamento poboacional. No ano 2000, a idade media dos galegos era de 42 anos. Hoxe supera os 48. Temos que reequilibrar o peso das cohortes de idade de xeito urxente.
O que estamos facendo ben debera servirnos de inspiración para mudar o que é mellorable.
- Piden cuatro años de prisión para un policía urbanístico de Santiago por falsificar el informe de una obra en Fontiñas
- La historia de Pablo Agrafojo Pedrosa, cantante de la Orquesta Capitol que cambió el taller por la verbena
- El cementerio gallego que opta a ser el mejor camposanto de España: 'Una nueva forma de entender los espacios funerarios
- La playa gallega que enamora a Javier Ambrossi y Macarena García: a una hora y media de Santiago y con atardeceres de postal
- El restaurante de Santiago para comer caldo, raxo y tarta por menos de 20 euros: un icono de 95 años que nació de una historia de amor
- Fiestas del Apóstol 2026 en Santiago: programa completo, conciertos, fuegos y actividades día a día
- ¿Estuviste disfrutando de la final del Mundial en Praza Roxa? Búscate en las imágenes del partido
- Pregón de las Fiestas del Apóstol: ¿Quién se va unir a esta lista del siglo XXI el 22 de julio?
