Opinión | Olladas ao país
Deixar que Galicia xogue no Mundial
O balón roda na Copa do Mundo mentres a afección galega asiste ao maior espectáculo do planeta cunha mestura de admiración e frustración. Admira o xogo, celebra de corazón os éxitos da Selección Española, como seica tamén ollará con simpatía os mellores triunfos para os veciños e irmáns da Selección de Portugal, mais padece a anomalía de non ver competir a súa propia identidade. Galicia posúe un patrimonio futbolístico innegábel, unha canteira inesgotábel e hoxe nomeadamente potente e unha selección centenaria, a Irmandiña, que arestora permanece inxustamente codenada á inexistencia.
O sistema de admisión da FIFA só impide partillar á Irmandiña por mor do veto da Federación Española de Fútbol, que hoxe seica preside un galego que semella non sentir esta pulsión de dignidade e sentido común.
Porque este veto non se entende analisado dende a proximidade. Neste mesmo Mundial, e nas fases previas que conduciron a el, participan territorios que evidencian o absurdo do criterio oficial. Escocia, Gales ou Irlanda do Norte compiten por dereito histórico sen seren Estados independentes.
A esta lista cómpre engadir os casos da contorna lusófona que ilustran á perfección esta flexibilidade selectiva. Macau, rexión administrativa especial de China, Illas Feröe, territorio de Dinamarca ou Anguila e Montserrat, territorios británicos de ultramar, son membros de pleno dereito da FIFA. Do mesmo xeito, Cabo Verde, Guinea-Bissau ou a propia República Democrática de Timor-Leste, hoxe independentes pero con traxectorias de recoñecemento moi diversas, amosan que o fútbol sabe adaptarse á realidade dos pobos.
A fenda demográfica descubre o paradoxo. Mentres nacións ou territorios con menos de cen mil habitantes teñen garantido o dereito a competir, a soñar e a medrar, Galicia, cunha poboación que supera os 2,7 millóns de habitantes, fica excluída. Esta cifra, sumada a unha das ligas territoriais máis potentes do Estado e a clubs históricos de proxección europea, como os nosos Depor e Celta, demostra que a exclusión non responde a criterios deportivos nin de viabilidade, senón a un mero candado político e burocrático.
O recoñecemento da Selección Galega nas competicións internacionais non ha entenderse como un ataque a respecto do combinado español, cun camiño exitoso mesmo partillado por ducias de milleiros de afeccionados galegos. Trátase dun acto de xustiza cultural e deportiva. O fútbol moderno presume de ser unha ferramenta de inclusión, un espazo global onde se celebra a diversidade dos pobos do mundo. Negarlle a Galicia a posibilidade de afiliarse á FIFA e de desputarmos as competicións oficiais non fai máis forte ao fútbol internacional; simplesmente faino máis pequeno, máis inxusto e máis incoherente.
É hora de que abran as portas para deixarmos xogar. Para deixaren que Galicia xogue.
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- El verano de los alcaldes gallegos: entre fiestas patronales, bodas y llamadas del Concello
- Ser taxista en Santiago cuesta al menos 140.000 euros y más de una década para recuperar la inversión
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- El mirador a menos de una hora de Santiago con vistas de 360 grados para observar el eclipse solar con el mar y el Monte Pindo de fondo
