Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | Res pública

Director Foro económico de Galicia

As xubilacións no Sistema Universitario Galego

O pulo extraordinario que recibiron os servizos públicos españois nas décadas dos anos oitenta e noventa explica a incorporación dunha xeración numerosa de profesionais á sanidade, á educación e a moitos outros ámbitos esenciais, que ata o 2035 vaise xubilar de xeito moi concentrado no tempo.

A substitución destes profesionais non pode abordarse cunha lóxica exclusivamente contable nin cun calendario de curto prazo. Non abonda con convocar unha praza cando se produce unha baixa e cubrila, se é posible, no menor prazo. Nalgúns sectores, formar un bo profesional require anos, ás veces máis dunha década. E, ademais, as administracións non compiten nun mercado baleiro: compiten co sector privado e, cada vez máis, con outros países.

Dúas áreas ilustran especialmente ben este desafío: a sanidade e o profesorado universitario; a base de dous dos piares fundamentais do Estado de benestar: a sanidade e a educación.

No caso dos médicos, o problema xa está no debate público. Son seis anos de grao e varios anos máis de formación especializada a través do MIR. Non se pode improvisar a incorporación dun médico de familia, dun anestesista ou dun especialista en áreas con dificultades de cobertura. Cando faltan profesionais, xa é tarde para comezar a pensar na formación: o proceso debía terse iniciado moito antes.

Na universidade, a carreira é aínda máis longa. Tras o grao chegan o mestrado, a tese doutoral e as estadías postdoutorais. Formar unha persoa capaz de ser un bo profesor e un bo investigador require, unha vez rematada a carreira universitaria, un mínimo dunha década. E a calidade importa enormemente. Un sistema universitario sólido non se constrúe simplemente cubrindo cadeiras baleiras: necesita atraer e reter o mellor talento.

Por iso non é unha boa idea limitarse a repoñer efectivos ao mesmo ritmo no que se producen as xubilacións. Por exemplo, se nun ano se convocan cinco prazas nunha área concreta, o máis probable é que non existan cinco candidatos excelentes dispoñibles. Algúns investigadores novos xa marcharon a outros lares, cansos de esperar. Outros decidiron desde o principio construír a súa carreira fóra porque aquí non percibiron un horizonte profesional claro.

A alternativa é anticiparse. Convocar prazas de substitución gradualmente e sen agardar ata o instante da urxencia, permite captar aos mellores candidatos no momento no que aparecen; e que os máis veteranos coincidan con máis novos e haxa un proceso de transmisión de coñecemento e «saber facer».

O esquema é sinxelo. Cada servizo, cada centro de saúde, cada facultade e cada departamento coñece a súa pirámide de idades, anticipar as súas necesidades e formular unha estratexia propia. A partir de aí, as reitorías deben ordenar esa información, avaliar a solidez das previsións e establecer prioridades de sistema. Finalmente, a Xunta podería crear un fondo transitorio e específico para financiar esa anticipación. Non estamos a falar dun gasto ordinario, senón dun investimento excepcional para afrontar un problema tamén excepcional: a retirada concentrada dunha xeración enteira de profesionais públicos.

Calquera importe que se poña enriba da mesa será positivo. Calquera importe permitirá facer fichaxes que poden determinar a calidade do sistema durante os próximos trinta ou corenta anos. Non se trata só de cubrir prazas: trátase de asegurar que, cando chegue o momento de substituír a quen se xubila, haxa bos médicos nos centros de saúde, especialistas nos hospitais, docentes nas aulas e investigadores capaces de situar as universidades galegas nos mellores niveis.

Como teño exposto outras veces, Galicia está a salientar no ámbito da I+D+i con moitas iniciativas, e a Xunta está facendo apostas firmes e moi atinadas. Estou convencido de que esta é outra desas apostas que paga a pena estudar. A planificación das xubilacións e das substitucións pode parecer unha cuestión administrativa, pero condicionará a calidade dos servizos públicos galegos durante varias décadas.

Tracking Pixel Contents