Opinión | Olladas ao país
AP-9: a verdade xurídica fronte á mentira do medo
Hai só vinte días falábamos nestas mesmas páxina de EL CORREO GALLEGO (https://www.elcorreogallego.es/opinion/2026/06/09/o-traspaso-da-ap-9-131162940.html) da alarmante falla de ambición nacional e o tacticismo partidista que aferrolla ao Goberno galego fronte ao histórico acordo do Congreso para transferirmos a AP-9. Porén, a insistencia do Partido Popular de Alfonso Rueda en sementar o medo e a confusión na opinión pública galega- aducindo unha suposta «cláusula trampa» que desprotexería a nosa Facenda- esixe volvermos ao asunto. Non para reiterar as mesmas análises políticas, senón para exercer a análise xurídica que cómpre, coa fin de desmontarmos, co Dereito Administrativo na man, as falsidades coas que o unionismo conservador agocha o seu complexo de inferioridade institucional.
A primeira gran falsidade que espalla o relato oficial da Xunta é que, ao asumir Galicia a titularidade da autoestrada, os galegos pasariamos a ser os responsábeis de pagar as indemnizacións millonarias se os tribunais declaran nulas as dúas prórrogas da concesión ou algunha delas. O argumento é falso de toda falsidade. A proposición de Lei Orgánica aprobada no Congreso consagra de xeito taxativo o principio de separación temporal de cargas, asumindo a Administración do Estado as obrigas económicas todas que teñan a súa orixe en decisións adoptadas durante o período no que desenvolveu a competencia.
Deste xeito, calquera futura sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ou do Tribunal Supremo -que arestora tramita o recurso da patronal galega de transporte de mercadorías por estrada APETAMCOR para acadar a nulidade da prórroga de vinte e cinco anos decretada por Aznar en 1999 e da antecedente de González- xerará consecuencias xurídicas que derivan, única e exclusivamente, de actos estatais previos ao traspaso. A Administración do Estado é e seguirá ser a único responsábel patrimonial das resultas da ilegalidade das devanditas prórrogas. A Facenda galega só tería que pagar por un hipotético rescate se fose o propio Goberno galego o que, nun futuro e de forma voluntaria, decidise extinguir a concesión de Audasa por razóns de oportunidade política antes do seu vencemento legal. Non se pode confundir (de xeito deliberado dende San Caetano, por manifesta ignorancia algúns repenicadores destas falsidades), unha anulación xudicial por eivas xurídicas cun rescate voluntario autonómico.
Para maior claridade e tranquilidade da cidadanía-como nos aprende o profesor da UDC Carlos Aymerich- unha eventual indemnización deivindicada pola declaración de nulidade radical dalgunha das prórrogas só daría dereito a indemnizar o dano emerxente, é dicir, o valor das obras e investimentos reais executados e aínda non amortizados pola concesionaria. Pola contra, a concesionaria Audasa perdería integramente o dereito a reclamar o lucro cesante polas peaxes futuras non recadadas até o remate da concesión, en agosto de 2048. Sen ese custo engadido a indemnización derivada da eventual decisión xudicial de nulidade é asumíbel para o Estado e se afasta das cifras terroríficas coas que Rueda, Feijóo e o Ministro de Fomento Puente quixeron facer tremer ao noso pobo. Uns 900 M€ (a cargo do Estado e non da Xunta), fronte aos 2300 M€ calculados pola Xunta ou os 4.000 M€ avaliados polo Goberno do Estado.
A estratexia de confusión do PPdeG non responde a criterios técnicos, senón ao pánico político de asumir a maioría de idade que este texto esixe de Galicia. Clarexadas as dúbidas, a verdade xurídica é inapelábel: o traspaso da AP-9 só trae beneficios para o noso país.
- O Gozo Festival vence al temporal de lluvia y granizo
- Santiago Pérez, el piloto gallego que cambió los aviones por el cultivo de vegetales premium en Teo y abastece a 90 restaurantes de España
- La tormenta descarga en Santiago granizo de más de un centímetro de grosor
- Sábado de tormentas y fuertes lluvias: activada la alerta naranja en toda la provincia de A Coruña
- La cafetería de Santiago recomendada por Tamar Novas y 'Lonely Planet': un rincón bohemio con 83 años de historia
- Una DANA condiciona el tiempo este fin de semana en Galicia con tormentas, chubascos y brumas costeras
- Evacuado en helicóptero tras cortarse con una desbrozadora en Teo
- «Todo vendido»: el éxito de la subasta de Playa Linda anima a construir una nueva urbanización en Palmeira
