Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión | TRIBUNA

Marta Lois

Marta Lois

Decana de Ciencias Políticas da USC

Non é a calor de antes. É o cambio climático que nos rouba o dereito ao futuro

Hai unha parte da crise climática que non se mide só en décimas de temperatura. Mídese tamén na memoria. Na praia de Canido e no Vao, en Vigo, onde aprendín a nadar e onde as tardes de verán remataban sempre cun viruxe atlántico que obrigaba a coller a chaqueta. Ou en Varille, no Carballiño, onde as noites devolvían o fresco que as tardes de agosto lle roubaban ao día. Aquel verán galego foi desaparecendo sen facer ruído. Primeiro chegaron as noites nas que custaba durmir. Despois os días interminables de calor. E, finalmente, comprendemos que non eran episodios puntuais nin un exercicio de nostalxia. Era o cambio climático entrando nas nosas vidas.

A memoria emociona. A ciencia leva anos confirmándoo. Galicia quéntase. As vagas de calor son máis frecuentes e intensas, as secas prolónganse e os incendios, como os que devastaron Ourense o pasado verán, deixaron de ser unha excepción para converterse nun aviso permanente. O cambio climático xa non é unha ameaza afastada: é unha experiencia cotiá que transforma a paisaxe, condiciona a nosa saúde e modifica a maneira de vivir.

Pero reducir esta realidade a unha cuestión de termómetros sería un erro. A calor tamén entende de clase social. Entra en todas as casas, pero non pesa igual sobre todas as vidas.

Hai quen atravesa unha vaga de calor nunha vivenda ben illada ou pode acender o aire acondicionado sen mirar a factura. E hai quen pasa oito horas sobre un tellado, asfaltando unha estrada, repartindo paquetes, comida, traballando no campo, no mar, na construción ou nos servizos de coidados. Hai persoas maiores que viven soas, crianzas, persoas con enfermidades crónicas e familias que habitan vivendas mal acondicionadas onde a calor non desaparece. Hai fogares nos que refrescar a casa significa renunciar a outras necesidades básicas. A pobreza enerxética tamén se mide en graos.

Esta é unha das grandes inxustizas do noso tempo. Os beneficios do modelo económico que alimentou a crise climática concentráronse durante décadas nunha minoría, mentres os seus custos recaen con maior intensidade sobre quen menos responsabilidade tivo en provocala. As emisións nunca foron iguais. Tampouco o serán as súas consecuencias.

Por iso resulta profundamente enganoso presentar a transición ecolóxica como un luxo ou como unha preocupación secundaria que se resolverá só con tecnoloxía. É, probablemente, o gran escudo social do século XXI. Porque quen máis precisa cidades e lugares con máis sombra, vivendas rehabilitadas, transporte público de calidade, montes resilientes, prevención dos incendios, refuxios climáticos ou condicións laborais seguras fronte á calor extrema son as maiorías sociais.

A crise climática obríganos tamén a incorporar un novo principio á nosa cultura democrática: o dereito ao futuro. O dereito das xeracións que veñen a herdar un territorio habitable. O dereito da infancia a medrar sen aceptar como normal que as vagas de calor, os incendios ou a escaseza de auga condicionen as súas oportunidades vitais. O dereito de quen nace hoxe a non pagar o custo da nosa inacción.

Durante demasiado tempo os gobernos pensaron só na seguinte lexislatura. A emerxencia climática obríganos a pensar tamén na seguinte xeración. Esa é, seguramente, a transformación democrática máis profunda do noso tempo: asumir responsabilidades con quen aínda non pode votar, pero xa ten dereito a un futuro.

Quizais o dereito ao futuro consista niso: en que as nenas e nenos de hoxe poidan medrar nun país onde aínda exista a sombra dos carballos nunha tarde de agosto, o aire do mar ao caer a tarde en Canido e no Vao, ou o fresco dunha noite de verán en Varille. O futuro comeza sempre moito antes de chegar. Comeza nas decisións que tomamos hoxe. Porque o dereito ao futuro non é só unha cuestión de emerxencia climática. É, por riba de todo, unha cuestión de xustiza.

Tracking Pixel Contents