Opinión | Res Pública
O efecto multiplicador
Cando se examinan políticas públicas existen múltiples dimensións a ter en conta. Salientan tres: o encaixe dos obxectivos que persegue coas preferencias da sociedade, o grao de eficacia coa que acada os obxectivos, e a eficiencia no uso dos recursos públicos. Idealmente, unha política debe perseguir obxectivos prioritarios, conseguilos, e facelo ao menor custe posible. Gañariamos moito se todos interiorizaramos esta lóxica.
Porén, existen outras dimensións complementarias que os responsables públicos non deberan esquecer. Nesta columna voume referir ao efecto multiplicador no terreo económico. Porque sería un erro perder de vista que as medidas que adoptan concellos, Xunta, goberno central ou a Unión Europea teñen impactos moi diversos na renda e no emprego dos territorios. Por iso, sería boa idea tamén estimar o impacto económico previsible dos programas de gasto. Axudaría a escoller e a ordenar.
Poñamos un par de exemplos de programas de gasto da Xunta con multiplicadores moi elevados, que xustificarían de seu un aumento notable das partidas actuais. O primeiro, os programas de captación de talento investigador. A Xunta atinou cando creou o programa Oportunius. Incentivar que investigadores de alto nivel con programas financiados pola Unión Europea se instalen en Galicia é un negocio redondo. Reforzamos o noso sistema de I+D+i e xeramos un impacto en PIB e emprego extraordinario por euro propio investido. Porque atraemos traballadores de fora de Galicia e damos pulo á actividade económica e cun financiamento que vén esencialmente tamén de fora. Corolario: investir máis recursos en todo este paraugas hoxe ben xestionado por GAIN, pero que debera ampliar a súa escala e ambición e actuar de xeito coordinado coa nova Fundación Galtia e programas estatais como o ATRAE.
O segundo exemplo son os congresos. Universidades públicas, organismos privados de todo tipo e Xunta deberan crear unha plataforma conxunta para aumentar de xeito substancial as actividades de reunións celebradas en toda Galicia, incluíndo vilas e espazos no rural, identificando os eventos que máis interesan polo número de persoas, perfís das mesmas, ou emprazamento dentro de Galicia, reforzando os puntos febles que hoxe padecemos, e axudando aos organizadores de cada evento. O efecto multiplicador de cada euro investido neste eido é tamén extraordinario; sen perder de vista o impacto moi positivo que ten sobre o turismo de calidade e a difusión da imaxe de marca de Galicia.
- O Gozo Festival vence al temporal de lluvia y granizo
- Santiago Pérez, el piloto gallego que cambió los aviones por el cultivo de vegetales premium en Teo y abastece a 90 restaurantes de España
- La tormenta descarga en Santiago granizo de más de un centímetro de grosor
- Sábado de tormentas y fuertes lluvias: activada la alerta naranja en toda la provincia de A Coruña
- La cafetería de Santiago recomendada por Tamar Novas y 'Lonely Planet': un rincón bohemio con 83 años de historia
- Una DANA condiciona el tiempo este fin de semana en Galicia con tormentas, chubascos y brumas costeras
- Evacuado en helicóptero tras cortarse con una desbrozadora en Teo
- «Todo vendido»: el éxito de la subasta de Playa Linda anima a construir una nueva urbanización en Palmeira
