Opinión | Olladas ao País
O Dereito europeo como valado contra Vox no Goberno do Estado
A hipotética—e moi probábel— instauración dun goberno estatal partillado por Alberto Núñez Feijóo (PP) e Santiago Abascal (Vox) cara 2027 constituirá de certo unha mutación constitucional de facto. A experiencia das autonomías (Aragón, Analucía, Castela-León e Extremadura) onde Vox cogoberna co PP e as outras nas que apoia dende fóra os gobernos dos populares (Illes Balears, Murcia e País Valencià) teñen amosado que Vox non accedeu aos gobernos ou ás gobernabilidades para amortecer as súas propostas ao chegaren ao poder, senón para levar adiante a súa axenda extremista, para rachar os consensos existentes e para reabrir batallas culturais que semellaban extintas, criminalizando a inmigración, o feminismo, a memoria democrática, o galego e as outras linguas propias nacionais e os nosos dereitos e liberdades, como persoas e como cidadáns. Todo isto coa avinza do PP estatal e dos PP autonómicos, que asumen de vez os marcos mentais da extrema dereita. Mesmo onde estes non existen, quizais para que non existan organicamente, mais si funcionalmente, como seica comeza pasar na nosa Galicia cun PPdeG cada vez máis centralista e radicalizado.
Estamos diante do deseño dunha estratexia de asfixia do autogoberno das nacións e de desmantelamento dos dereitos civís fundamentais, agachada baixo da retórica dunha suposta uniformidade legal. Perante un Tribunal Supremo e un aparato xudicial central hoxe maioritariamente capturados pola pulsión centralista, a defensa de Galicia como nación e das nosas liberdades públicas non pode librarse só cos vellos recursos de inconstitucionalidade diante dun Tribunal Constitucional politicamente exposto. O verdadeiro combate xurídico, con potencia política real e capacidade de coacción asimétrica, ha de se trasladar ao espazo do Dereito Público europeo. Cómpre erguer un valado xurídico dende a primacía do Dereito da Unión Europea.
A Unión Europea non é xa un simple Mercado Común, senón unha comunidade de dereito vinculante, dotada de ferramentas coercitivas de eficacia inmediata. Fronte ás pretensións de Vox de ilegalizar partidos, ou á submisión dun PP disposto a aturar a demolición do pluralismo, o noso eixe de resistencia ha pivotar sobre o artigo 2 do Tratado da Unión Europea (TUE) e, nomeadamente, sobre a Carta dos Dereitos Fundamentais da UE. A clave xurídica non é ideolóxica, senón estritamente procesual: calquera intento de baleirar de contido das competencias exclusivas do noso Estatuto ou de ditar leis que discriminen por razón de lingua ou xénero racha co principio de tutela xudicial efectiva e seguridade xurídica que Europa blinda.
Os precedentes de Polonia e Hungría fixaron unha nidia xurisprudencia que xoga a prol d defensa da democracia. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) xa determinou que os Estados membros non poden invocar o seu dereito interno nin as súas maiorías parlamentarias para subverter o Estado de Dereito. Cando o Goberno de Varsovia intentou controlar os nomeamentos xudiciais, o TXUE impuxo unha multa coercitiva dun millón de euros diarios. Cando Budapest vulnerou os dereitos das minorías, a Comisión Europea activou o Regulamento 2020/2092 de Condicionalidade Orzamentaria, conxelando máis de 22.000 millóns de euros dos fondos de cohesión e dos Next Generation. Hoxe polacos e maxiares botaron fóra cadanseu goberno extremista. Mais a resistencia da UE contra as agresións ao Estado de Dereito contribuíu limpar de neofascistas os edificios gobernamentais de Varsovia e Budapest.
Velaquí a folla de ruta: se o novo Executivo central intervén as liberdades e institucións galegas, restrinxe os dereitos fundamentais e sociais da cidadanía ou racha a neutralidade institucional, a estratexia ha ser a denuncia inmediata en Bruxelas e Luxemburgo para activar o bloqueo dos fondos europeos. Núñez Feijóo e Abascal non poderán soster un pulso financeiro contra a soga no pescozo que provocaría a conxelación de fondos por parte da Comisión Europea.
Litigarmos na Europa é un camiño por explorar coa máxima audacia. A través do mecanismo das cuestións prexudiciais (artigo 267 do TFUE), calquera xuíz ordinario, premido por demandas civís ou contencioso-administrativas ben artelladas, pode cuestionar a aplicación dunha lei estatal se detecta contradición co Dereito da Unión Europea , elevando o caso directamente a Luxemburgo sen pasar pola peneira dos Tribunais centrais de Madrid.
Salvar a democracia, as liberdades e o autogoberno galego pódese converter cara fins do 2027 ou no 2028 nunha causa xurídica europea. Se un eventual —e cada vez máis probábel— Goberno do Estado Núñez Feijóo-Abascal quere transitar cara á autocracia iliberal, ha saber que o prezo inmediato pode ser a parálise das súas finanzas e o seu illamento no Consello Europeo. En defensa do Estado de Dereito, das liberdades e dos dereitos sociais e nacionais a intelixencia legal de Galicia ha actuar en Bruxelas e Luxemburgo dende o minuto un logo de se formar o devandito Goberno. Na defensa da dignidade democrática dos pobos e da cidadanía non pode haber treguas, puntos medios nin trasacordos.
- Una panadería de Santiago se cuela entre las mejores de España: 'Empecé vendiendo hamburguesas en Venezuela
- Augusto Pérez Alberti, el catedrático jubilado de la USC que a los 78 años defendió su segunda tesis doctoral para seguir aprendiendo: 'Investigar es mi hobby
- La Europol incluye en su lista de más buscados a una gallega que se hizo pasar por médico en Lugo y A Coruña
- El verano de los alcaldes gallegos: entre fiestas patronales, bodas y llamadas del Concello
- Ser taxista en Santiago cuesta al menos 140.000 euros y más de una década para recuperar la inversión
- Sorprenden a dos ladrones de madrugada en el interior de un piso en Santiago cuando se disponían a huir con el botín
- Así es el parque acuático más novedoso de Galicia: a una hora de Santiago y con toboganes de 11 metros de caída
- El mirador a menos de una hora de Santiago con vistas de 360 grados para observar el eclipse solar con el mar y el Monte Pindo de fondo
