Opinión | TRIBUNA
Nós mais Vós
Hai bos e xenerosos na nosa terra. Creo, sinceramente, que ata abundan. Son tantos que ao mismísimo Manuel Fraga, caricaturistas debuxábano reclamando sacos de medallas para podelas entregar por feixes. Pero, como se adoita dicir, todas as moedas teñen o seu reverso, e á beira dos moitos méritos da maioría, agachan os do carácter retorto. Non é unha mera cuestión ideolóxica.
Nunha ocasión, cheguei a propoñerlle ao Petrucio a celebración dunha solemne cerimonia de retirada de Medallas. “Que me di”, espetoume o León de Vilalba cos ollos abertos. Imaxíneo, don Manuel, vostede con Dositeo Rodríguez, conselleiro da Presidencia daquela, reúnen nunha magna sala en San Caetano a todos os medallistas de Galicia, engalanados coas súas preceptivas condecoracións. Nisto que o chambelán vai chamando ao estrado, ditaminando que “decaeron por deméritos propios as medallas” duns cantos, aos que se lles esixe que suban e as entreguen. “E se alguén se nega a devolvela”, inquiriu o presidente. Pois arríncaselle do peito sen máis contemplacións.
Galicia é terra de retranca, de ironías cruzadas. Un pobo capaz das maiores grandezas pero sumamente propicio ao non polo non. Hai sabios e teimudos, como en todas partes, pero existe unha enfermidade moi característica, ademais da saudosa morriña, que é moi do noso: o Nós de Nós. Hai na sociedade unha estirpe de seres que camiñan convencidos de que a súa existencia é o epicentro universal arredor do cal toda a galaxia debe gravitar. Son os que só se cren a si mesmos, os que habitan unha solitaria torre de granito construída con lousas de inmenso ego e asentadas con lama de profunda indiferenza cara ao outro.
Manuel Curros Enríquez xa nos lembraba que a nosa dignidade non se constrúe sobre a negación do próximo, senón na fraternidade e no recoñecemento da identidade compartida. Esta verdade, tan necesaria para entender a propia interdependencia, é ignorada sistematicamente por quen vive pechado na burbulla do solipsismo, intimamente convencido de que o mundo exterior é só unha proxección da súa maxestosa mente.
A verdadeira riqueza, porén, debería residir na pluralidade. O nós é un concepto que esixe humildade, capacidade de escoita e recoñecemento mutuo. É a aceptación de que a voz propia precisa irremediablemente da allea para formar un acorde, e de que a biografía de cada quen queda coxa se non se entrelaza coas historias dos demais. Como ben sinalaba Ramón Piñeiro, a esperanza é a capacidade de atopar o sentido no noso ser con outros, nunha comunidade que se recoñece na súa lingua e na súa terra, pero, por riba de todo, na súa vontade de convivir.
Os tempos que son chegados requiren, hoxe máis ca nunca, unha conciencia colectiva activa, cooperativa, solidaria, intelixente, certa, boa e xenerosa. Non se trata de anular a individualidade, senón de entender que esta só adquire o seu sentido máis pleno cando se pon ao servizo dun proxecto común; por exemplo, Galicia.
Mentres algúns seguen pechados a cal e canto no seu castelo de cristal, o mundo, vibrante e diverso, segue o seu curso, alleo a quen, por cegueira ou simple e chata soberbia, renunciou a formar parte del, aceptando compracido medallas debidas e indebidas sen decatarse de que nós somos todos. Ben poderiamos rematar pensando con certa retranca da nosa: mellor que o Nós de Nós, é o Nós máis Vós. O outro existe.
- ¿Vas a ver el eclipse en Santiago? El Concello cerrará el acceso en coche a dos de los puntos más populares para contemplarlo
- «Tengo clientes que vienen de Noia, Ordes o Padrón»: el barbero marroquí con agenda llena en O Milladoiro
- La maldición de las nubes en la costa de Lugo: 'Aquí tenemos el eclipse más largo porque ya empezó a las 8 de la mañana
- El alcalde de Ames califica de excepcional la escasez de agua y pide tapar provisionalmente la fuga en la presa de A Ponte Maceira
- A menos de una hora de Santiago: los 5 mejores lugares para ver el eclipse total del 12 de agosto
- Los viajes de fin de etapa cambian su rumbo en Santiago: las agencias digitales impulsan el Interrail y los 'Pasos de Ecuador' para celebrar el fin de etapa
- Retenciones de hasta 6 kilómetros en Padrón
- La ruta aérea Santiago-Nueva York consolidará su presencia en Lavacolla
