Opinión | TRIBUNA
O Carballo de Padroso
As árbores, coma os libros, teñen follas. O Carballo de Padroso contén, ademais, a historia que asombra, que se estende na derrota dos días por centos de anos, e que orilla o camiñar esperanzado dos que desde o Sur, como Almanzor no ano do noso Señor de 997, buscan Compostela, non para roubar campás, senón ca esperanza dun milagre: dun encontro consigo mesmo, cos demais, coa eternidade ou co bo pasar dos días, dos que desde o chan buscan o ceo. Así é como o sinala a mesma árbore de Bieito Ledo, unha frecha imperfecta, ferida polo vento, acariñada polo sol, adormiñada polo rumor da auga que alí mesmo nace e que cada Segundo sábado de xullo faise romaría, danza de seres que entenden que a natureza merece o seu respecto, a súa loa, o seu cantar admirado, poético.
A Padroso hai que ir indo, como van os peregrinos, como foron os emigrantes que marcharon da aldea, como retornaron os indianos, como entenden que han de marchar os que saben, como Risco, que desde o lugar máis pequeno do mundo pódese ollar todo o universo. É cuestión de observar, de pensar, de encher follas de papel ou con follas naturais, un bosque de palabras ou de pedras ou mesmo de terra, desa terra Nai e Señora, de Cabanillas, don Ramón coma Otero Pedrayo, poeta como Rosalía, galego coma Nós. E si, Galicia é aquilo que vai en nós e que nos leva, como ben advertiu o bardo inspirado.
En Xunqueira de Ambia hai un lugar de tránsito cara ao ceo, si; un espazo de meigas magas, onde conxurar os augurios para que outro mundo sexa posible, un hábitat global, si, pero de mil primaveras máis, un espazo cunqueiriano, con arrecendo de mazás e grolos de augardente, ou a tinto do Ribeiro, como nas tabernas de calquera lugar e momento desta Galicia plural e conmovida, irónica, finisecular, saudosa, verde, fermosa, a dos mil ríos e o millón de vacas, e millóns de topónimos, miles de praias, un horizonte, si, de mulleres e homes, tan feridos de historias como as mesmas árbores. Aquí as fragas e os soutos, alá os outeiros, sempre as carballeiras.
A terra hermoséase buscando as nubes, o ceo, a inmensidade cósmica, a esperanza de canto se ignora e que sequera os libros sabios dos sabios seres chegan a explicar de todo. Por iso as xentes recorren á maxia que seica, din, é mellor que todas as mentiras xuntas, e case iguala a esperanza finxida coa que nos arroupamos.
A maxia deste lugar non reside só na súa vellez venerable, senón na capacidade de convocar, arredor do seu tronco, a escritores, músicos, xornalistas e artistas, viaxeiros e peregrinos que dialogan con el coma se fose un mestre antigo. É a árbore que máis fala porque nel resoan as voces da nosa literatura. Ao seu carón, a romaría convértese nun acto de fe ambiental, unha liturxia necesaria nun mundo que esquece a linguaxe das fragas. Cada peregrino que o toca busca esa enerxía telúrica, esa herdanza que nos lembra que somos terra que camiña e que Galicia é un bosque de historias que teñen a súa raíz máis profunda no silencio de lugares coma este.
Protexer este carballo é protexer a nosa propia biografía como pobo. El viu pasar o tempo con esa paciencia mineral que só posúen os seres que saben esperar á primavera sen présa. Na súa sombra, o horizonte galego faise máis ancho, máis sabio, máis eterno. É o símbolo dunha Galicia que se quere verde e viva, que se resiste a ser cinza e que atopa na natureza o seu mellor verso e a súa máis firme esperanza de futuro.
Ora e traballa. A Padroso hai que ir indo.
- Santiago activa radares fijos en dos de los principales accesos a la ciudad
- Santiago y O Milladoiro, a 20 minutos de bici: Rueda inaugura la senda peatonal y ciclista que completa el eje de movilidad compostelano
- 100 años y una vida dedicada a la Iglesia: la historia de Ricardo Bello
- Cuatro menores heridos en Teo al colisionar un turismo y un camión
- Nueve helicópteros, cuatro aviones y trece brigadas combaten un incendio forestal en Lousame
- La casa de lujo más visitada de Galicia está en Santiago y cuesta 3,5 millones
- Fueron a Montalvo por el eclipse y el mar les regaló otro espectáculo: 'Fue una noche que vamos a recordar siempre
- «Lo pasamos genial»: la cara más vital del envejecimiento en Ames
