Opinión | Letras con causa
Os ollos verdes

Unha edición de ‘Otelo’ xunto a unha cunca de café / IA
A luz morna da mañá iluminaba os trazos do seu rostro. No recuncho máis próximo á ventá daquel local, inundado polo cheiro do café e dos churros de primeira hora, ela mergullábase nas páxinas de Otelo mentres bebía dunha cunca. Sempre lle gustaran as grandes obras da literatura universal. Na facultade, onde a coñecera, adoitaba desempolvar na biblioteca volumes como os de Virginia Woolf, Doris Lessing e Margaret Atwood. Daquela pensabamos que ler as mulleres que abriran portas era case o mesmo que aprender a atravesalas.
Os estragos do tempo fixeran mella nas dúas: de min xa non quedaba máis ca un esbozo da xuventude e nela... nela todo cambiara. Ao principio custoume recoñecela. Semellaba distraída. A miúdo botaba unha ollada intranquila cara á porta, tiraba das mangas da camisa como se non lle parecesen suficientemente longas, e unhas mans trementes axustaban repetidamente o pano que levaba atado ao pescozo. A calor de agosto xa se facía notar a través dos cristais, pero ela semellaba querer desaparecer entre capas e capas de roupa.

Portada dunha edición de 'Otelo', de Shakespeare / ECG
Lembrei a súa risa contaxiosa, agora apagada nos beizos por un xesto amargo. Lembrei os seus ollos verdes, sempre ben abertos e cheos de curiosidade, agora empañados por bágoas contidas. Ergueuse e pediu unha segunda cunca de café cun fío de voz. Quería ser invisible, pensaba que o era, talvez levase tempo aprendendo a selo.
Sentín ganas de achegarme e preguntarlle pola súa vida, de recuperar aquela amizade de xuventude que se esvaecera sen máis motivo ca o paso á vida adulta. Quixen pedirlle que me contase a causa de tanta amargura nos seus xestos, animala a baleirar comigo a tristura que lle pesaba na mirada. Pero quedei sentada por medo a entrometerme. Ou era covardía?
Volveu á mesa e colleu o libro de Shakespeare, unha edición de peto moi gastada, marcada por unhas mans e uns ollos que percorreran as páxinas unha e outra vez.
Apurei o café e fixen o amago de erguerme para marchar, pero, de súpeto, os seus ollos coincidiron cos meus. Foron dous segundos de reloxo, pero bastaron para facerme sospeitar que hai historias que só saben pedir axuda en silencio. Sentín que debía permanecer alí, naquel café sen aire acondicionado, mentres ela seguía abafada baixo as capas de roupa.

Unha muller lendo nunha cafetería / IA
Tintinou a campaíña da porta e ela alzou a mirada cara ao son. Quedou conxelada. Os ollos verdes tornáronse grises. Seguín a súa mirada e atopeime cun home alto, atlético e un pouco maior ca ela. Achegouse á súa mesa, deulle un bico na testa e ela fixo un aceno cos beizos que pretendía ser un sorriso. Entendín que o control, ás veces, se agocha tras unha escena de aparente normalidade.
El pechoulle o libro e fíxolle caer o marcapáxinas. Cunha obediencia aprendida, ela recolleuno e colocouno na última páxina con delicadeza. El pediu un café e os meus ollos cruzáronse cos seus un intre. Se nos dela había tristura, nos del non había nada.
A calor empezaba a afogarme. Quería marchar, deixar de miralos, pero algo me retiña. Talvez fose ela. Talvez fose a miña conciencia, que xa non me permitía apartar os ollos. Eu estaba alí xusto no momento en que ela necesitaba ser vista.
El falaba e xesticulaba con aires de erudito, ela escoitaba e asentía. Críase invencible e intelixente, ela sabía que se mentía a si mesmo. El vía unha muller sumisa e manipulable, sen decatarse do errado que estaba.
Unha muller loira achegóuselle. El ergueuse, saudouna e conversaron durante uns intres. Ás súas costas, ela seguía facendo xirar a culler nun café xa conxelado. El esqueceuse de que existía, ela agradeceu que o fixese.

Unha cunca de café / PEXELS
Crucei con ela unha segunda mirada. Desta vez, a tristura mudara en determinación. Os ollos eran dun verde fosforescente. Gardou no bolso a vella edición de Otelo. Pregunteime se, con aquel xesto, tamén afastaba de si o destino de Desdémona.
A loira marchou e el apurou o café.
—Veña, ceo, que chego tarde ao traballo —escoitei que lle dicía.
Ela tardou un segundo en erguerse. El mirouna coa impaciencia de quen non admite demoras.
A calor empezaba a afogarme. Quería marchar, deixar de miralos, pero algo me retiña. Talvez fose ela. Talvez fose a miña conciencia, que xa non me permitía apartar os ollos. Eu estaba alí xusto no momento en que ela necesitaba ser vista
O corazón latexábame con forza cando vin que se achegaban. Pasou á miña beira e percibín as notas do perfume que usaba na facultade. Todos os meus sentidos se puxeron alerta.
Notei como, suavemente, a súa man rozaba o meu brazo. Coma impulsada por un resorte, alcei a vista cara a ela. Sinaloume o pulso coa mirada.
Antes de atravesaren a porta, vin as marcas. Remangara lixeiramente a camisa branca, só o suficiente para que eu intuise as mazaduras. Xiraron á dereita e volveu tirar da manga cara abaixo. Durante un segundo, renunciou a ser invisible. Acababa de deixarme unha mensaxe. Eu xa non podía dicir que non sabía.
- Las mejores orquestas de Galicia se reúnen a media hora de Santiago esta semana: Panorama, París de Noia, Los Satélites y Olympus en una fiesta de cinco días
- Borja Verea aspira a gobernar Santiago en 2027: «Un alcalde ten que ser útil»
- Ni Ensanche ni Casco Histórico: los barrios de Santiago en los que el alquiler se come casi la mitad de la renta familiar
- 50 familiares, varias generaciones y un mismo apellido: la familia Blanco vuelve a reunirse en A Estrada
- Una sola inyección para frenar la pérdida de visión: el nuevo tratamiento contra la degeneración macular
- “Padrón es el pueblo donde más vendemos”: madrugones, tradición y oficio en el mercado dominical
- Nace una nueva comisión de fiestas en Santiago para 'facer cidade': 'Queremos recuperar ese espíritu das grandes festas populares
- La orquesta gallega que sale al escenario sin saber qué canciones tocará: 'El público decide la verbena
